Cara e cruz para o Club Voleibol Pontevedra no seu debut: vitoria feminina e derrota masculina
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Debut triunfal do Club Voleibol Pontevedra na Segunda División feminina. As pontevedresas deixaron claro que, malia os cambios que sufriu o equipo, están chamadas un ano máis a pelexar polo ascenso de categoría. No seu primeiro partido de liga, disputado no IES A Carballeira de Ourense, derrotaron por un contundente 3-0 ao Dompa Xestión.
O equipo pontevedrés, que estivo formado por Patricia Valcárcel, Ariadna Hernáiz, Flavia Besada, Ana Abeledo, Castro, Neira, Rodríguez, Nerea Lores, Lariño e Abal, dominou con claridade todo o partido. En ningún dos tres sets as pontevedresas pasaron ningún tipo de apuro. Resolveron o encontro en apenas 54 minutos tras vencer ás ourensanas por 14-25, 9-25 e 16-25.
Con este resultado, o Comercial Durán sitúase na segunda praza da clasificación con tres puntos, os mesmos que Galitrans Viaxes Embaixador UDC, Zalaeta, Caldaria Voleyourense e Calasancias Coruña.
DERROTA DO EQUIPO MASCULINO
Peor lle foron as cousas ao equipo masculino do Club Voleibol Pontevedra no seu debut na Segunda División. A diferenza das rapazas nada puideron facer contra o Intasa San Sadurniño B. Caeron derrotados por 3-0. Foi no único partido disputado da primeira xornada de competición. O resto de partidos foron adiados ao coincidir co día festivo da Hispanidade.
Xogaron Quico Rodríguez, Alberto Luna, Sergio Castiñeira, Gonzalo Arís, Renzo Adrianzen, González, Juan José Fraguas e Castro. Apenas puideron facer fronte ao equipo ferrolán, un dos claros candidatos ao ascenso. Só lles fixeron sombra no primeiro set, que perderon por un axustado 28-26. A partir de aí, foi un encontro cómodo para o San Sadurniño que se impuxo nos outros dous sets por 25-20 e 25-18.