Pleno de vitorias para o Cisne nos seus dous primeiros partidos de pretempada
Por Redacción
A preparación da nova tempada en División Honra Prata para o Club Cisne Balonmán pasou por unha fin de semana intensiva con dous partidos amigables que se saldaron con senllas vitorias sobre o Balonmán Chapela e o Aguas Santas.
Fronte aos de Redondela, o equipo branco fixo valer a súa condición de equipo de superior categoría para noquear ao seu rival cun contundente 22-43.
Aínda que o resultado é o menos importante desta primeira toma de contacto, os de Jabato, esta vez guiados polo segundo adestrador, Quiños, mostraron unha imaxe de bloque forte defensivamente e moi activa á hora de atacar.
En plano individual, Mateo Arias foi o xogador máis brillante do Cisne con nove dianas de once tiros lanzados. Tamén destacaron Román Arboleya e Daniel López cun 100% de efectividade nos seus lanzamentos, que se saldaron con cinco goles cada un.
Pola súa banda, o duelo contra Aguas Santas celebrado en Tui foi máis igualado e os da Boa Vila tiveron que sufrir a pesar de que finalmente gañaron por un axustado 28-29.
Con estes partidos o Club Cisne Balonmán empeza a quentar motores de fronte ao comezo de competición, que está previsto para o 26 de setembro contra o Atlético Novás en Pontevedra.