Cerponzóns rende homenaxe aos deportistas da parroquia
Por Redacción
A Asociación de Veciños "O Chedeiro" inaugurou esta fin de semana na súa sede unha exposición dedicada aos 16 deportistas nados ou afincados na parroquia pontevedresa de Cerponzóns.
"Cremos na promoción da mellora da calidade de vida das persoas a través do fomento do deporte, polo que estamos convencidos de que este debe ser un dos principais obxectivos dos nosos gobernantes promocionando, animando e colaborando na participación de actividades físico deportivas", xustifican desde o colectivo esta iniciativa.
A asociación ve nos seus veciños "o mellor exemplo" e móstranse "orgullosos" de que leven o nome de Cerponzóns, Pontevedra e Galicia alá onde compiten.
Esta exposición permanente, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor a contribución non só a nivel competitivo, senón como exemplo para todos de dedicación e estilo de vida saudable.
Nas paredes do local social poden contemplarse paneis dedicados a estes 16 deportistas: Víctor Gallego, Valentín Sabarís, Saleta Castro, Rubén Ruibal, Pablo Ferreiro, Rogelio Barragáns, Myriam Viéitez, Joaquín Iglesias, Jacobo Sobral, Ismael Viéitez, David Falcón, Daniel Gómez, Chus Sanguos, Álex Pombo, Alejandro Gómez e Adrián Esperón.
A mostra componse dunha breve descrición das súas carreiras deportivas, acompañas de fotografías dos seus mellores momentos en competición.
Ademais, existe un apartado dedicado ao equipo de fútbol da parroquia, cunha serie de fotografías antigas e actuais para lembrar aos vecinoss que practicaron este deporte ao longo de máis de sesenta anos. Unha acción que serve para colaborar coa celebración do 25 aniversario da fundación do Cerponzóns.