Sete meses despois volve perder o Arosa (3-2) que deixa o liderado en mans do Boiro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Sete meses despois da súa última derrota nun partido de liga o Arosa volve perder, e fíxoo fronte ao Boiro, en Barraña, nun derby arousano trepidante, con alternativas no marcador, e resolto no tempo de desconto en favor do equipo local, cun remate de Rendo á saída dun córner, que significa ademais o cambio de líder na Terceira División, que pasa de mans arosistas a ser propiedade dos boirenses.
Sensacional ambiente nas bancadas, con máis de mil espectadores e presenza duns 200 seguidores visitantes, que puxeron a nota de cor, non deixando de animar aos de Piscis nin un só instante.
Inauguraba o marcador Iván González, aos trece minutos. O Arosa empatou antes do descanso, nun penalti moi discutido polo equipo local que transformaría Adrián Camiño.
Os de Piscis deron a volta ao marcador no minuto 73 por medio de Eloy, pero pouco lle duraría a alegría ao equipo visitante, xa que o Boiro sacou petróleo das accións de estratexia e lograría a vitoria en dous saques de esquina. Primeiro foi Cardeñosa o que conseguía o empate, e xa no tempo de desconto, minuto 93, Rendo faría o definitivo 3-2 que daba a vitoria e o liderado ao conxunto local.
C.D. BOIRO (3): Roberto Pazos; Marcos, Paco, Cardeñosa, Rendo, Pedro, Rubén (Bendaña, min. 74), Jacinto, Hugo (Julián, min. 49), Anxo (Armental, min. 49) e Iván González.
AROSA S.C. (2): Jorge Pérez, Santi, José Ángel, Juanjo, Martín, Rivas, Vixo (Ramón, min. 85), Nando (Jonathan, min. 84), Adrián Camiño, Hugo e Eloy (Álex Freire, min. 73).
Árbitro: Sergio Espasandín Cores (A Coruña), auxiliado nas bandas por Manuel Carreira Parrado e Elisardo Mella Fernández. Amoestou a Paco e Cardeñosa, polo Boiro, e a José Ángel, Nando, Adrián Camiño e Rivas, polo Arosa.
Goles: (1-0) Minuto 13: Iván González. (1-1) Minuto 45: Adrián Camiño, de penalti. (1-2) Minuto 73: Eloy. (2-2) Minuto 75: Cardeñosa. (3-2) Minuto 93: Rendo.
Incidencias: Campo de Barraña (Boiro). Uns 1.000 espectadores, con numerosa presenza de afeccionados vilagarcianos.