Segunda (e protestada) derrota consecutiva do Cisne que perde na casa (22-24) contra o Luceros
Por Redacción
De novo unha discutida decisión arbitral deu ao traste coas opcións do Club Cisne Balonmano. Os pontevedreses, que se queixaron das numerosas faltas en ataque que lles pitaron nos últimos minutos, caeron derrotados por 22-24 ante o Luceros, o filial do Frigoríficos do Morrazo. Foi nun disputado partido que, ao non estar dispoñible o pabellón do CGTD xogouse nas instalacións de Príncipe Felipe.
A igualdade foi a tónica dos primeiros compases do partido. Ambos equipos mostrábanse moi férreos en defensa e cometían moi poucos erros. Pero o equipo cangués despegouse a partir do minuto 20 da primeira parte e imprimindo un forte ritmo foise ao descanso cunha renda de tres goles (10-13), unha vantaxe que, trala reanudación, seguiu aumentando chegando ao 15-19 do minuto 45 de partido.
Foi entón cando os homes de Edín Covelo iniciaron unha tímida reacción que lles permitiu sobrepoñerse ao xogo despregado nos minutos anteriores e situarse a tan só dous goles do rival. Pero unha serie de faltas en ataque, moi discutidas no banquiño pontevedrés, impediu que o Cisne, que sen dúbida mereceu máis neste partido, culminase a súa remontada e retomase a senda da vitoria.
Con esta terceira derrota en catro partidos, o Cisne suma dous únicos puntos e está situado na novena praza da clasificación do grupo A de Primeira Nacional. O seu rival, o Luceros, mantense invicto e comparte o liderato co Mecalia Novás con oito puntos.
CISNE (22): Edu Alonso, Juan Novás, Rafa Gestido (1), David López, Iván Abelleira (1), Pablo Domínguez (1), Álex Chan (2), Pablo Rey (4), Andrés Sánchez (5), Pablo Picallo, Javier Vázquez, Carlos Rodríguez (4), Alberto López y Miguel Simón (4).
LUCEROS (24): David Lago, Salazar, Adrián Pumar (5), Rubén, Menduiña (1), Javier Rial, Barreiro (3), Pepe Camiña (5), Joel Fontenla, Molanes, Fabián Dios (6), Manuel Iglesias (4), Soage y Veloso.
Árbitros: Víctor Rollán y Keiko Clara Takeuchi (Castilla y León)
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 3-4, 5-6, 7-8, 8-11, 10-13 (descanso), 11-16, 13-17, 15-19, 17-20, 20-22, 22-24 (final).
Incidencias: Partido disputado no Pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe ante menos de 50 espectadores.