Volei praia, futevolei e tenis praia para pechar o Verán Deportivo de Lourido
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/3e0/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/610ab1dc44-veran-lourido.jpg)
© Concello de Poio
A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), presidiu este mércores o acto de presentación das probas que acollerá nas dúas vindeiras fins de semana a praia de Lourido, na parroquia de San Salvador, dentro do circuíto provincial do Verán Deportivo.
Trátase dunha iniciativa que xa é un clásico da temporada estival poiense, toda vez que se leva celebrando desde hai unha década (coa excepción do ano pasado, por mor da pandemia da Covid-19) e que, nesta ocasión, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, ademais doutras institucións organizadoras. Acompañada pola presidenta do club Volei Praia Vigo, Raquel Cameselle, e a deportista Aída Martínez, Caldas amosou a súa satisfacción polo feito de que Poio acolla as últimas probas dun calendario que se iniciou en xullo, lembrado que "esta é unha aposta polo deporte sostible e os hábitos saudables, ademais de ser un engadido no que á oferta de lecer se refire, xa que son probas espectaculares e dignas de ser gozadas nunha contorna como é a praia de Lourido".
As citas terán lugar o 7 e 8 de agosto e o 14 e 15 do mesmo mes. Durante a primeira fin de semana o protagonismo será para o volei praia e o futevolei. En ambos casos, haberá competición para deportistas federados e tamén para amateurs, nas categorías feminina, masculina e mixta. Poderán participar, neste último caso, persoas maiores de 16 anos. O peche do calendario, a mediados de agosto, correrá a cargo das competicións de tenis praia.
Ademais, Marga Caldas lembrou que esta programación tamén inclúe outras iniciativas a maiores, como sesións formativas en este tipo de disciplinas para as crianzas, que tamén terán lugar en Lourido antes do desenvolvemento dos partidos. "Mantemos a nosa aposta pola saúde e temos claro que o deporte é esencial dentro desa filosofía".
Para poder participar nas probas amateur requirirase inscrición previa, a través da páxina web da organización. As infraestruturas deportivas ficarán instaladas xa desde os vindeiros días e ata o 15 de agosto.