Tres goles de Kevin dan a vitoria ao Pontevedra B (3-2) sobre un bronco Pontellas
Por Ramiro Espiño
Fútbol de calidade e fútbol subterráneo. As dúas caras do fútbol nun mesmo partido. Pero especialmente fútbol pleno de emoción e intensidade, cun único lunar na lamentable actuación de quen se supón debe impartir xustiza sobre o terreo de xogo, e que deu todo un recital do que non debe facer un árbitro.
Ao colexiado ferrolano, Miño Pico, fóiselle o partido das mans dende o asubío inicial. E se a cousa non acabou mal foi debido á cordura dos protagonistas, especialmente os rapaces do filial granate, que responderon con fútbol ao xogo subterráneo formulado polo seu rival, que a punto estivo de darlle froitos, cando parecía que tiñan o partido perdido antes do descanso.
E é que o primeiro tempo realizado polo Pontevedra B foi o mellor que se lle viu ao filial en moito tempo. Con intensidade e calidade impuxéronse a un rival bronco, tendo a un Kevin estelar, autor dos tres goles do seu equipo, que nunca volveu a cara á pelexa cos centrais visitantes, empeñados en buscarlle as cóxegas constantemente.
Precisamente Kevin adiantaba o seu equipo moi pronto, ao rematar de cabeza de forma espectacular un corner lanzado por Víctor. A reacción do Pontellas chegaba na súa única aproximación, por medio de Comis, aos 19 minutos, mandando o seu remate ao poste. Pouco despois Kevin transformaba un claro penalti, para deixar paso ao comezo do desconcerto arbitral.
Non se cumprira a media hora de xogo cando Ismael, despois de burlar ao seu marcador, era derrubado de forma aparatosa na área por José. Claro penalti que tivese suposto a expulsión do defensor visitante, que xa fora amoestado anteriormente. Miño Pico ignorou a infracción.
Aínda así, o Pontevedra B seguía sendo moi superior a un Pontellas que se mantiña sobre a base da permisividade arbitral. E o filial granate lograba o 3-0 que parecía sentenciar o partido, nun gran pase de Puyi ás costas da defensa, que permite a Kevin plantarse só ante Juan e batelo con autoridade.
Pero no desconto chegou o clamoroso erro do porteiro granate Adrián, a quen lle escapa entre as mans unha falta afastada lanzada sen perigo por Chuli.
E a segunda parte cambiou. O gol deu ás ao Pontellas que, no seu favor, nunca perdeu a cara ao partido a pesar da contundencia do resultado. A súa intensidade, rozando a agresividade, viuse favorecida de novo polo colexiado, que deixou en tarxeta amarela unha clara agresión, co cóbado por diante, de Chus sobre Paco. O Pontevedra B xa non combinaba nin chegaba como no primeiro período, e o mesmo Chus lograba o 3-2, con media hora de xogo por diante.
Os locais aferráronse a unha contra que non chegou para intentar sentenciar. E sufriron. Especialmente por un desconto esaxerado e inxustificado de máis de oito minutos que aplicou o árbitro. Nese período puido empatar o Pontellas, pero o disparo de Avendaño, minuto 94, rematou no poste e a vitoria, xusta e curta vistos os méritos, quedou na casa.
PONTEVEDRA B (3): Adrián; Puyi, Marou, Bruno, Uru; Héctor, Paco (Juan Ignacio, minuto 81); Ismael (Pedro, minuto 88), Félix (Kevin Presa, minuto 69), Víctor (Diego, minuto 75); e Kevin.
C.D. PONTELLAS (2): Juan; Adrián (Isaac, minuto 46), Diego Blanco (Samuel, minuto 46) (Barros, minuto 62), Rubén, José; Chuli, Chuvi; Álex, Comis, Lucas (Avendaño, minuto 83); e Chus.
Árbitro: Miño Pico (Ferrol), auxiliado nas bandas por Bejarano Estepa e Pérez Vázquez. Amoestou a Puyi, Uru, Paco, Félix, Juan Ignacio e Diego, polo Pontevedra B, e a Rubén, José, Chus e Comis, polo Pontellas. Expulsou o porteiro suplente do Pontevedra B, David (minuto 65) por protestar dende o banco.
Goles: (1-0) Minuto 4: Kevin. (2-0) Minuto 23: Kevin, de penalti. (3-0) Minuto 41: Kevin. (3-1) Minuto 45 +2: Chuli. (3-2) Minuto 63: Chus.
Incidencias: Sintético da Xunqueira. Uns 150 espectadores.