Magical, Deep Blue, Balea Dous e Cassandra, campións da 24 edición da Regata Cruceiros de Aguete
Por Redacción
A Regata Cruceiros de Aguete celebrou esta fin de semana a súa 24 edición, enchendo a Ría de Pontevedra de barcos. A competición dividiuse en dúas xornadas moi distintas en canto ás condicións metereolóxicas: as do sábado con refachos de 12 nós de media e, o domingo, con ausencia de vento, obrigando á organización suspender a proba e dar por vencedores ao Magical, Deep Blue, Balea Dous e Cassandra.
O pistoletazo de saída da regata atrasouse hora e media o sábado. O vento do noroeste previsto na ría foi intenso na boca pero custoulle entrar e superar o interior, facéndoo máis dunha hora despois cunha intensidade media de 12 nós, propiciando unha proba rápida e técnica.
A saída desprazouse case unha milla cara ao oeste para alcanzar a liña de vento, polo que o percorrido foi de 16,8 millas pasando fronte a Sanxenxo e Portonovo, con virage nas torres faros de Picamillo e os Camoucos fronte á illa de Ons e regreso a Aguete pasando antes polo faro da Mourisca fronte a Bueu. Pola súa banda, os Clásicos veteranos fixeron un percorrido máis curto de 8,6 millas virando as balizas Morrazán, Os Túzaros e Pelados que se atopan no centro da ría.
O Magical foi o que mellor aproveitou as condicións, poñéndose na cabeza de frota, seguido moi de lonxe de Juancamaría (+5:55), Arroutado (+6:18), Mirfak e Sebrala III, que completaron a clasificación da Clase Concello de Marín. O Magical gañou tamén a clasificación absoluta conxunta, adxudicándose o Trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer.
Pola súa banda, o campión da Clase Deputación de Pontevedra foi o Deep Blue. Orión foi segundo (+1:11), Forza 4 foi terceiro (+3:24), SND Cormorán mariño foi cuarto e Nahela, quinto.
En Clase Murimar, Balea Dous completou o percorrido en primeiro lugar. Segundo foi o Ronáutica Marinas Mar de Frades (+1:39) e terceiro o Squid 2 (+4:24). A cuarta e quinta posición foi para Grifo e Cinco Islas Albariño.
Finalmente, na Clásica/Veteranos o Cassandra non tivo rival, superando en máis de 17 minutos ao seu seguidor, o Peregrina Cobre San Rafael, que foi segundo.
A segunda regata estaba prevista para celebrarse o domingo, pero a organización decidiu suspendela pola ausencia de vento. Esperaron o tempo máximo para poder dar o saídas pero finalmente optaron por cancelalo.
A entrega de medallas foi esa mesma tarde nas instalacións do Real Club de Mar de Aguete con asistencia do concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba; o deputado provincial de deportes, Gorka Gómez; subdirector da Escola Naval Militar, Capitán de Fragata Víctor Villar Mielgo; delegado de Murimar seguros, Carlos Cancela, e a xunta directiva do club organizador, comandada pola súa presidenta Maca de la Puente e Celina Torrado.