Viajes Amarelle saca proveito dos erros do Poio Pescamar (2-3) para levarse os puntos
Por Ramiro Espiño
Oficio fronte a ilusión. Viajes Amarelle sacou un extraordinario rendemento a unha formulación baseada nunha forte e ordenada defensa, fronte á que se estrelou o Poio Pescamar. Se ademais as rapazas de Marcio Santos teñen un día no que non lles sae case nada nos metros finais, e conceden os dous primeiros goles en graves despistes defensivos, a consecuencia é unha derrota dura e inmerecida, porque sen dúbida por xogo e posesión de balón as "rojillas" foron mellores.
Moitos nervios, demasiados, nos comezos de partido. Malia que Ceci puido marcar xa no primeiro minuto, estrelando o seu remate no poste, o Poio deixou mostras de que non era o seu mellor tarde. Custáballe sacar o balón con claridade, dando ás coruñesas, acazapadas atrás, a súa mellor baza para facerlles dano. E conseguírono superado o minuto 3 de partido, nunha perda de balón en zona defensiva local, que aproveita Dolo para rematar a escuadra. Sería o primeiro e único remate a porta das visitantes en todo o primeiro tempo.
O equipo local mostrábase nervioso e impreciso, malia ter o balón nos seus pés a maior parte do tempo. O dominio era local, e as ocasións, escasas neste primeiro período, tamén. As mellores foron para Peke e Ceci, pero topáronse coa oposición de Pau. Non obstante a máis clara tívoa nas súas botas Claudia, nun fallo no saque da mesma Pau, pero tras o caneo o balón escapoulle sen que puidese rematar porta.
A segunda parte foi mellor por parte do Poio. Kiko, cunha grande actuación, apareceu para revolucionar o partido e entregar en bandexa a Claudia o gol do empate. Viaxes Amarelle, coa expulsión do seu adestrador, estivo uns minutos desorientado, e Charo puido marcar de novo. Non o conseguiu e as coruñesas refixéronse.
Seguía mandando o Poio, pero agora as visitantes saían con máis frecuencia, encontrando ocos. Avisou Luci nunha contra que tapou Silvia, pero chegou o grave despiste defensivo que custou o segundo gol coruñés. Pau saca en longo coa man poñendo o balón directamente nas botas de Lago, que bate a Silvia.
Aínda que na xogada seguinte empatou novamente o Poio por medio de Peke, nun disparo cruzado, Viajes Amarelle volveu tirar de oficio ata encontrar a súa oportunidade.
As xogadoras de Marcio Santos estrelaron dous remates no poste
E ao Poio abandonouno a sorte. Cando mellor xogaba e buscaba a vitoria, cunha excelente acción individual de Ceci que disparou fóra, e un remate de Peke que acaba no poste tras dar nunha defensa, minuto 35, as coruñesas encontraron o que buscaban, cun remate de Lago, tras desbordar o seu par, que significaba o 2-3 definitivo.
Quedaban pouco máis de tres minutos. Marcio buscou a opción de porteira-xogadora, pero foi inútil. Viaxes Amarelle pechouse aínda máis e fixo imposible os intentos dun Poio ao que lle faltou pegada nos metros finais.
POIO PESCAMAR (2): Silvia; Charo, Claudia, Ceci, Kiko -cinco inicial-, Carmen (ps.s), Moldes, Paloma, Yoly, Tania, Peke e Elena.
VIAJES AMARELLE (3): Pau; Lucía Nespereira, Lago, Dolo, Musta -cinco inicial-, Leti (p.s.), Monchi, Luci, Sheila, Cruz e María.
Árbitros: Alejandro Comesaña Goberna y Álvaro García Freiría (Vigo). Expulsaron o adestrador do Viajes Amarelle, José Carlos Martín (minuto 24), por protestar.
Goles: (0-1) Minuto 3: Dolo. (1-1) Minuto 23: Claudia. (1-2) Minuto 31: Lago. (2-2) Minuto 31: Peke. (2-3) Minuto 36: Lago.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Cheo.