Segunda xornada e segundo partido na casa para o Peixe Galego
Por Redacción
O Fundación Baloncesto Fuenlabrada, filial do equipo de ACB, visita A Raña este sábado (19:30 horas) na segunda xornada da Adecco LEB Prata.
Os clubs acordaron no seu momento cambiar a orde dos enfrontamentos, o que motivou que o Peixe Galego comece a liga con tres xornadas consecutivas como local.
Tras a vitoria na estrea contra o Zornotza vasco, os de Javi Llorente buscarán un novo triunfo que confirme o seu bo inicio e achegue unha dose extra de tranquilidade despois dunha pretempada complicada e unha semana antes de que visite Marín un dos grandes favoritos, o Cáceres.
Non o terá doado o equipo marinense ante un conxunto no que destacan varios xogadores que pretenden dar o salto en poucos meses á máxima categoría do baloncesto nacional, como o ex-obradorista Jorge Sanz ou o internacional letón Rolands Smits.
O encontro será especial para o pívot 'peixe' Joseba Aramburu, que se medirá ao seu irmán e antigo xogador do club Jon Ander.
En busca dun bo ambiente nas bancadas da Raña, a directiva do Peixe Galego organizou diversos actos, entre eles unha marcha que partirá dende a Alameda ás 17:00 da tarde para que a mascota do club, 'Golfi', leve a todos os afeccionados ata o pavillón.