Natación artística e ximnasia, dúas novas modalidades deportivas para o CGTD
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva faise un pouco máis grande. Dúas novas modalidades terán oco entre as disciplinas que se ofertan aos deportistas galegos. Trátase de ximnasia e de natación artística, que elevarán a dezaseis os deportes dispoñibles.
En concreto, o centro aceptará dous deportistas residentes en ximnasia e, no caso da natación artística, serán tres residentes e unha praza máis en réxime externo.
O número de prazas ofertadas en total será de 160. A súa distribución serán 103 prazas para o grupo de tecnificación -86 residentes e 17 externos-, que se repartirán entre os cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato; e 57 prazas para o grupo de rendemento.
Neste último caso, serán 12 residentes -sen que poidan ser máis de sete do mesmo sexo e como máximo catro da mesma sección deportiva- e 45 externos.
Reservaranse ademais o 10% das prazas para situacións de urxencia ou necesidade, cumprindo sempre os criterios de excelencia deportiva e nivel académico. O número de deportistas formándose no centro no vindeiro curso, polo tanto, podería acadar os 176.
As prazas de tecnificación distribuiranse entre atletismo lanzamentos (4 residentes), bádminton (6 residentes e 1 externo), judo (8 residentes e 2 externos), karate (4 residentes), loita (8 residentes e 2 externos), natación pura e augas abertas (7 residentes e 2 externos), natación artística (3 residentes e 1 externo) ou piragüismo slálom (4 residentes e 1 externo).
Piragüismo augas tranquilas (15 residentes e 3 externos), remo (5 residentes e 1 externo), taekwondo (8 residentes e 2 externos), tríatlon (7 residentes e 1 externo), vela (5 residentes e 1 externo) e ximnasia (2 residentes) completarán as prazas dispoñibles.
O centro naceu no curso 1987-88 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra.
Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas de Galicia e, na actualidade, dá cabida aos principais deportistas e promesas do deporte galego.
No 2007 e no 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, para a preparación dos deportistas de piragüismo e vela.
Ao longo da súa traxectoria, son 22 os deportistas olímpicos que se formaron neste centro de tecnificación, incluídos Caetano Horta (remo) e Antía Jácome (piragüismo) que debutarán en Tokyo 2020; e dous paralímpicos, cunha colleita total de once medallas dende Sidney 2000.
Relacionadas:
-
Lete Lasa destaca o gran nivel do bádminton galego na súa recepción en Pontevedra aos campións de España
Por Redacción |
-
Caetano Horta, remeiro formado no CGTD, debuta esta noite nos Xogos de Tokyo
Por Redacción |
-
Chegan os Xogos Olímpicos: Así será o calendario pontevedrés con Gómez Noya como primeiro en competir
Por Diego Espiño |
-
Vibrante xornada de atletismo no CGTD coa celebración a segunda edición do Encontro Interclubes
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Caetano Horta, remeiro do CGTD: da selectividade a Tokio 2021
Por Manu Otero |