Sanxenxo quenta motores para o paso da Volta Ciclista a España
Por Redacción
Sanxenxo xa quenta motores para o paso da Volta a España 2021. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o concelleiro de Deportes, Daniel Arousa e o director de 'La Vuelta 21', Javier Guillén, reuníronse este sábado para presentar o tramo que percorrerá o municipio o próximo 4 de setembro e, por primeira vez, a vila de Portonovo.
Nesta edición, a proba atravesará Galicia do 3 ao 5 de setembro, comezando por Monforte, Lugo e Sarria e continuando polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona. A contrarreloxo individual será o domingo día 5 no tramo de Padrón a Santiago de Compostela, finalizando como todos os peregrinos na porta da Catedral compostelá.
A Praza dos Barcos foi a elixida para celebrar o acto de presentación, conducido polo xornalista Terio Carrera, que se encargou de guiar aos asistentes de diversos clubs da provincia pola historia do ciclismo.
Ademáis, Telmo Martín destacou a novidade do percorrido convertendo o municipio "nun fantástico escaparate", mentres que Guillén fixo fincapé na "beleza da paisaxe" e na combinación das tres etapas que percorrerán Galicia. "Son un combinado perfecto do que é o espectáculo ciclista. Nós necesitamos escenarios para chegar a 190 países e que mellor escenario que saír da praia e chegar á montaña. Démonos conta que as Rías Baixas é un dos mellores escenarios", engadiu.
Finalmente, Rueda deu importacia á competición para "dar a coñecer Galicia como destino turístico a nivel internacional neste Xacobeo", e remarcou que "os escenarios da competición en Galicia son unha mostra do que ten para ofrecer a nosa comunidade como destino turístico seguro, sostible e de calidade".
Tamén incidiu na importancia da competición para converter Galicia en escaparate turístico e promocionar o turismo galego á vez que o Camiño de Santiago en todo o mundo debido ao seu impacto mediático.
O acto pechouse cunha marcha ciclista popular na que se emulou parte do percorrido da Volta a España 2021 o 4 de setembro. Case un centenar de participantes percorreron Silgar, Baltar, Rafael Picou, Avenida de Pontevedra, Rúa Ourense, Rúa A Perla e estrada da Lanzada para volver de novo por Silgar á Praza dos Barcos.
Á presentación tamén acudiron a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada; o concelleiro de Obras e Servizos, Óscar Vilar; o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, e o de Economía e Persoal, Marcos Guisasola, ademais dos organizadores e voluntarios do programa + Xuventude e do club ciclista Corbelo.