Recibimento de altura para o novo escalador Xavi Carballo no Concello de Pontevedra
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiron este venres no despacho da alcaldía ao prometedor escalador Xavi Carballo, recente gañador da primeira proba da Copa de España de Escalada de Dificultade en categoría sub 16.
Acompañado pola súa familia e representantes do seu club, a Escola Deportiva de Escalada do Club Aromon, Carballo recibiu a felicitación e afagos dos responsables políticos cos que conversou sobre o seu deporte e os seus futuros retos deportivos antes de recibir un detalle co que o goberno local agasalla a todos os deportistas que recibe para felicitalos polos seus éxitos e contribuír a promocionar a cidade.
Na competición, o pontevedrés foi capaz de impoñerse a escaladores doutras federacións como a valenciana, estremeña ou catalá, nas que a tradición da escalada é moito maior que en Galicia. Co seu triunfo, Carballo pasa a liderar a clasificación da Copa de España 2021 coa esperanza de manter o liderado nas dúas próximas probas previstas para Barcelona e Zaragoza.
Aos seus 14 anos está a demostrar unhas calidades para o deporte da escalada "fóra do común, é un talento neste deporte", din del no seu club.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Xavier Carballo saborea a prata na segunda cita da Copa de España de Escalada
Por Redacción |
-
O Club Aromon Pontevedra presume de liderado na Copa de España de Trail
Por Redacción |
-
O prometedor escalador do Aromon, Xavi Carballo, alcanza o liderado da Copa de España sub 16
Por Redacción |