Sufrida pero valiosa vitoria do Interrías ante o Gijón FF (2-0)
Por Almu Dapena
O Viajes Interrías fíxose este sábado cunha moi valiosa vitoria en San Pedro ao vencer ao Gijón FF por dous goles a cero. Aínda que as de Sanxenxo terminaron pedindo a hora, foron claras dominadoras dun encontro que se saldou cun gol de Raquel ao fío do descanso e outro de Balo no 93.
Comezou o partido co Interrías coas claras, cunha presión alta con Connie e Judit para deixar pensar o mínimo posible ao Gijón. Tivo en Raquel e Connie a oportunidade de inclinar a balanza ao seu favor, pero os disparos estreláronse coa porteira visitante.
As opcións do Gijón pasaban polas botas de Irene tras unha xogada trenzada ao contragolpe que pillaba ao Interrías descolocado. Por sorte, Isa salvaba os mobles dun Interrías que estaba a merecer a vitoria e tentábao por activa e por pasiva.
Non foi ata o minuto 44 cando Raquel fixo o primeiro gol do encontro tras un pase de Tania que rexeitou a defensora visitante cara ao extremo esquerdo, onde estaba a 14 do Interrías para enviar sen oposición o balón á rede.
Tras o paso polos vestiarios pasárono mal polas de Sanxenxo. Aínda que o Gijón non xerou excesivo perigo na portería de Isa, que estaba ben colocada en todo momento, o Interrías sufriu polas dubidosas decisións dos colexiados e os lanzamentos a balón parado de Irene.
Aínda así, aguantaron o tirón e deixaron pasar os minutos nun campo de San Pedro abarrotado por unha afección que non deixou de animar.
Xa no tempo de desconto, Connie sacou forzas para irse en velocidade das súas defensoras, alcanzando a liña de fondo e dando un 'pase da morte' a Balo, que entraba soa no segundo pau e rematou a porta baleira para facer o 2-0 e sentenciar o partido no último segundo.
Con este resultado o Viajes Interrías segue dependendo do que fagan os seus rivais nos seus respectivos partidos. O Deportivo xogará este domingo ás 12:00 contra o Racing B e o Victoria CF contra o Oviedo B ás 16:30 horas.
Relacionadas:
-
O Interrías fai os deberes e vence o Racing de Santander (1-2)
Por Almu Dapena |
-
O Arousana regresa de Cantabria con tres puntos de ouro (2-3) e o Interrías cede ante o Gijón FF (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Umia e Interrías suman tres valiosos puntos contra o Monte e Racing de Santander B
Por Almu Dapena |