O Tenis de Mesa Monte Porreiro rasca un valioso empate nunha complicada concentración da Superdivisión
Por Redacción
O pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra foi escenario por segunda vez esta tempada dunha concentración da Superdivisión masculina de tenis de mesa, nunha cita que se presentaba complicada para o anfitrión o Monte Porreiro.
Os de Nando Álvarez rascaron un punto que pode resultar decisivo fronte ao Arteal de Santiago (3-3), segundo clasificado no seu primeiro enfrontamento da xornada. Os dous puntos conseguidos por Martín Betancor nos seus partidos e o sumado polo portugués André Silva achegaron o triunfo, pero no encontro decisivo non lograron aguantar a vantaxe ao ceder Nico Galvano fronte Humberto Manhani en cinco apertadas mangas.
Xa o domingo a empresa era aínda máis difícil, ao ter que enfrontarse ao líder invicto da competición, o Asisa Borges Vall.
André Silva comezou adiantando aos locais, e tras unha remontada dos cataláns conseguiu poñer o 3-2 para albergar esperanzas de puntuar. Con todo Viktor Sven non deu opción a Martín Betancor poñendo o 4-2 final.
O resumo da concentración foi un empate e unha derrota, pero a imaxe do Visit Pontevedra Monte Porreiro sae reforzada para a fase final da competición. Polo momento os pontevedreses mantéñense tras estes partidos na cuarta praza do seu grupo con 7 puntos.