O mellor dúatlon galego volve ao primeiro plano este domingo en Lourido
Por Redacción
A terceira edición do Dúatlon Movéndonos por Poio celebrarase este domingo na contorna da praia de Lourido con todas as garantías sanitarias para previr contagios por covid 19. "É unha aposta que fai Poio polo deporte seguro", dixo a concelleira Marga Caldas durante a presentación desta proba que organizan de forma conxunta o Concello, o Club Tríatlon Poio e a Federación Galega de Tríatlon.
A carreira rexerase polo regulamento oficial de competicións das federacións galega e española para este tipo de probas. En primeiro lugar os triatletas completarán un circuíto de 5 quilómetros a pé, para subirse despois á bicicleta e pedalear durante 20 quilómetros máis. A competición rematará cun último tramo de 2,5 quilómetros a pé. A inscrición está completa e na lista de saída haberá atletas de gran nivel, aseguran os organizadores.
A saída da primeira das categorías está prevista para as 10 horas e a competición prolongarase durante toda a mañá.
"Poio segue consolidándose como un concello dinámico, atractivo e que aposta por iniciativas que axudan ao seu crecemento constante", declarou o alcalde Luciano Sobral poñendo en valor a canteira do municipio neste deporte. Nun sentido similar expresouse Caldas ao reiterar o interese do goberno local por organizar unha proba de ámbito nacional.
"É un anhelo que xa manifestamos o ano pasado, cando presentamos a anterior edición desta proba, e que, por desgraza, non puidemos realizar por mor da pandemia. Pero estamos seguros de que este duatlón será o primeiro paso de cara a lograr este obxectivo", dixo a titular de Deportes.