La Vuelta 2021 decídese en Galicia: Sanxenxo será saída dunha etapa de montaña e Compostela acollerá a crono final
Por Manu Otero
Xa se coñece o percorrido da próxima edición de La Vuelta Ciclista a España. O Fórum Evolución de Burgos acolleu este xoves a presentación oficial da carreira. A edición número 76 de La Vuelta será coñecida como A Volta das Catedrais. Porque a rolda española comezará o 14 de agosto na catedral de Burgos e terminará o 5 de setembro na catedral de Santiago de Compostela.
Ao ser 2021 ano santo, Galicia e o Camiño de Santiago terá un papel destacado na competición, pois as tres últimas etapas discorrerán por chan galego. A antepenúltima terminará en Monforte de Lemos, a penúltima partirá desde Sanxenxo para rematar en Mos e a definitiva será unha contrarreloxo entre Padrón e a santiaguesa praza do Obradoiro.
O 4 de setembro chegará o pelotón á capital turística das Rías Baixas. Os corredores bordearán boa parte dos 30 quilómetros de costa sanxenxina antes de poñer rumbo ao alto do Castro de Herville en Mos. O percorrido, de 173 quilómetros, foi deseñado por Óscar Pereiro, natural de Mos e un dos sete españois gañador dunha das tres grandes voltas. O trazado conclúe nun porto de segunda categoría ao que chegará o pelotón despois de superar outros catro picos, un deles de primeiro nivel.
Fernando Escartín define a etapa como unha especie de "mini Lieja". A primeira parte do circuíto, relativamente chairo, dará paso a unha pequena clásica con subidas e baixadas constantes e cinco portos tan curtos como duros que promete espectáculo para o público.
O título decidirase ao día seguinte nunha contrarreloxo que promete ser vibrante. Con saída en Padrón, lembra Escartín que é similar á etapa final da Volta 1993, que tamén saíu de Padrón e finalizou en Santiago de Compostela con triunfo para Tony Riminger. "A primeira metade é unha subida constante e a segunda ten máis tramos de baixada. O percorrido, sinuoso e técnico, pode ser determinante no devir final da carreira", augura o exciclista.
O percorrido completo inclúe sete etapas de montaña nas que os portos asturianos preséntanse como determinantes para unha clasificación xeral que se decidirá na contrarreloxo final de Santiago de Compostela, que fronte ao sepulcro do apóstolo coroará ao próximo gañador de La Vuelta.