Poucos cambios e foco no balón parado para o redebut de Luisito
Por Manu Otero
O Pontevedra inicia este mércores unha nova etapa. Luisito volve tomar as rendas da nave granate tres anos e dous meses despois de saír do club. E farao con moi pouco tempo de preparación para afrontar, a partir das 17 horas fronte ao Guijuelo, a primeira das seis finais que ten o equipo por diante para reengancharse á carreira polos tres primeiros postos da táboa.
Sen tempo para implantar un sistema de xogo propio, o adestrador centrouse nesta primeira xornada de adestramento, marcada polo frío e a choiva que obrigou a acurtar a sesión , en implementar "dous mecanismos sinxelos e algo de balón parado. Non se pode meter moita información para non atascalos máis a nivel mental", explicou.
Fixo máis fincapé o preparador no factor mental porque "a plantilla viña nunha dinámica de resultados adversos". É consciente Luisito de que "o troco de adestrador dá unha motivación extra. Todos queren participar e buscar un oco no once titular". Neste sentido, o de Teo mantivo unha pequena conversación indiviudal con cada xogador ao finalizar o adestramento para "chegarlle a mente" e "saber que problemas teñen porque eles son conscientes de que as cousas non lles estaban saíndo", rematou.
A pesar de que leva poucas horas no barco, Luisito xa ten clara a aliñación que presentará mañá. "Non vai haber moitos cambios. A idea a teño clara, salvo que haxa algún inconvite", puntualiza.
O que non estará entre os elixidos será Churre, o central segue adestrando á marxe por unha pequena lesión nos isquios que o manterá no dique seco polo menos ata o próximo partido. "Será complicado que chegue para Salamanca", asume o preparador, que tampouco poderá contar con Adrián Cruz nin con Romay.
Sobre o encontro, recoñece Luisito que "vai ser un partido durísimo para os dous. Se gañamos os deixaremos tocados e senos gañan faranos moito dano. Temos que ir ao 200 %", esixe aos seus.
O plantexamento de Chuchi é tamén unha incógnita. "Non sei como van xogar polo troco de adestrador. Ten moi bos futbolistas do mediocampo cara adiante, tamén ten centrais moi poderosos e un porteiro de moito nivel. Estaba confeccionado para pelexar por cousas moito máis grandes, pero comezaron mal", diagnostica o de Teo.
Xogar sen público será outro hándicap que terá que superar o Pontevedra para facerse cos tres puntos. "Eu quero xogar sempre con xente. O valor máis grande que ten o Pontevedra é que a afición leva ao equipo en volandas. Era o mellor activo que eu tiña aqui. Ver Pasarón sen nadie é unha tristeza. Non entendo por que en outras cidades de fóra de Galicia poden entrar 1.000 persoas", confesa.