Juanjo salva un punto no desconto para o Arosa (2-2) no campo do Barbadás
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Non o tiña doado o Arosa de Piscis para defender o seu liderado no sempre complicado escenario de Os Carrís. O Barbadás, que ao igual que o conxunto arosista non coñece a derrota no campionato, adoita facer un fortín do seu feudo, presentándose como un rival moi difícil de bater.
Pero os arlequinados volveron deixar mostra das armas que lle permitiron un fenomenal arranque ligueiro, e no desconto conseguiron polo menos evitar a derrota e salvar un punto grazas a un gol de Juanjo.
Foi mellor o Arosa na primeira parte, conseguindo atar as mans ao equipo que adestra Jorge Regal. Ben posicionados tacticamente, os visitantes pecharon todas as vías que conducían ao portal de Vila, non concedendo oportunidades de perigo ante o seu marco. Ese bo traballo defensivo tivo premio ademais cando Munín adiantou os de Piscis ao rematar un corner.
Antes de chegar ao descanso o público pediu un penalti por suposta man de Nando, que o colexiado non considerou sancionable.
Tras o descanso cambiou a decoración, especialmente tras os cambios ordenados polo técnico local e o cambio de sistema, coa presenza primeiro de Christian e logo de Nacho Currás no pivote, por diante da defensa. O partido volveuse máis trabado e o Barbadás encontrou o camiño a balón parado, cunha falta lateral lanzada por Rafita que rematou de cabeza César establecendo o empate.
Co gol creceuse o Barbadás, que se fixo dono do partido, pero sen chegar a concretar as ocasións creadas, ata que chegou un penalti sobre Christian, moi protestado polos arosistas, que transformou Moisés Pereiro.
Non obstante o Arousa, aínda que lle custaba chegar con perigo á meta de Berto, non se rendeu e Juanjo tivo a recompensa á fe do equipo, salvando un punto no desconto.
U.D. BARBADÁS (2): Berto; Jorge, Oli, Iago Quintairos, César, Luis, Moisés, Martín Fernández, Alfredo (Nacho Currás, min. 65), Martín Pérez (Nuno, min. 79) e Rafita (Christian, min. 55).
AROSA S.C. (2): Vila; Juanjo, José Ángel, Martín, Munín, Rivas, Vixo (Jesu, min. 69), Nando (Santi, min. 85), Eloy, Adrián Camiño e Ramón (Hugo, min. 64).
Árbitro: Rubén Comesaña Bastero (Vigo), auxiliado nas bandas por Cristian Vázquez Martínez e Miguel Ángel Pérez Torres. Amoestou a Oli, Martín Pérez; José Ángel, Munín e Juanjo.
Goles: (0-1) Minuto 27: Munín. (1-1) Minuto 52: César. (2-1) Minuto: Moisés, de penalti. (2-2) Minuto 90: Juanjo.
Incidencias: Campo de Os Carrís (A Valenzá). Uns 600 espectadores.