Arranca en Golf Meis o Torneo de Parellas 'Martín Códax'
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A segunda edición da Liga de Parellas que Adegas 'Martín Codax' vén patrocinando dende 2012, arranca o domingo 15 en Golf Meis.
A primeira proba xogarase en modalidade "scramble medal play", cun tope de 70 parellas participantes.
Esta competición, organizada polo Club de Golf Chan do Fento, comprende seis probas, a desenvolverse ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro, mediante un sistema de liga. Ao seu termo serán galardoadas as tres primeiras parellas máis regulares ao longo da liga.
IRMANDAMENTO DE GOLFISTAS GALEGOS E VASCOS
O irmandamento anual que golfistas séniors galegos e vascos realizan aternativamente nun ou outro territorio, culminou o martes 10 en San Sebastián, cun acto de despedida.
A expedición galega que este ano tiña que devolver visita aos vascos, agasallou os seus anfitrions con viños 'Martín Codax' durante a comida que puxo termo a unha semana de visita, trufada de golf e gastronomía.
A delegación galega, formada por 34 persoas que procedían dos clubs de golf de Meis, Ría de Vigo, Aero Club, Miño, Hércules e Val de Rois, partiu o 6 de setembro, con escala previa en Gijón. Asistiron ás festas da cidade donostiarra e xogaron dúas competicións contra os seus homólogos vascos nos campos de Basozábal e Real Club de Golf de San Sebastián.
Entre os integrantes da delegación galega, figuran varios xogadores do Club de Golf Chan do Fento que, patrocinado por Bodegas Martin Codax, se acaba de proclamar gañador, por terceiro ano consecutivo, da Ruta do Viño, unha competición de golf para séniors, promovida pola Federación Galega de Golf.
En 2014 serán os séniors vascos que visiten Galicia, entre o 6 e o 11 de setembro, segundo o calendario que xa se acordou.