Comeza para o Súper Froiz o seu gran reto da tempada coa disputa da Volta a Galicia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz afronta dende o venres, un dos grandes retos desta tempada, a Volta a Galicia, que constará de tres etapas que conxugarán a vistosidade dos percorridos coa dureza clásica do terreo galego.
Vigo acollerá o primeiro corte de fita sobre un perfil practicamente plano ata chegar aos últimos quilómetros que presentan dous pasos puntuables de montaña e que farán unha primeira selección dos candidatos ao triunfo final.
A segunda etapa (SantiagoSantiago) será a máis longa, con 149 quilómetros que discorrerán polas bisbarras de Compostela e Ulla, cun trazado rompe pernas.
A terceira e última etapa (A Coruña-A Coruña) decidirá o gañador despois dun trazado con dous altos puntuables no que será primordial a estratexia dos equipos para afrontar o esixente percorrido que formulará un importante traballo dos gregarios.
Para afrontar o reto da rolda galega, a formación alimenticia contará cun sete no que Antonio de Segovia levará os galóns de xefe de filas e contará como compañeiros con Miguel Gómez, Aser Estévez, Roberto Mediero, Martín Lestido, Pedro Macías e Sergio Míguez.
O director do equipo de Poio, Evaristo Portela, comentou que o equipo afronta esta Volta con moita ilusión e nun bo momento, aínda que non oculta a súa contrariedade pola baixa de Ángel Vallejo, que rompeu a clavícula o domingo pasado na última etapa da Volta a Valencia.
A Volta comeza cun primeira etapa que presenta uns últimos quilómetros quentes pola suba a Peinador dende Redondela e a posterior á Madroa. Son sete quilómetros nos que haberá dous portos de montaña que poden facer que cheguen as primeiras diferenzas entre os corredores.