Dura derrota do Pontevedra Rugby na súa estrea na División de Honra B Feminina (0-94)
Por Redacción
Non foi a estrea soñada, pero é que era unha empresa case imposible para o seu debut. O Pontevedra Rugby Club ( PRC) viviu este domingo o seu primeiro encontro na División de Honra B Feminina, encaixando unha dura derrota fronte ao BUC Barcelona (0-94).
As pontevedresas contaban con moitos condicionantes na súa contra, empezando pola falta de preparación nun proxecto que se iniciou contrarreloxo, e ao que se sumou a imposibilidade de xogar polo momento no seu campo de Monte Porreiro ao non ser aínda un campo homologado pola Federación Españoña. Por esa a primeira xornada disputouse nas Lagoas, Ourense.
O que non faltou na expedición do PRC foi unha mochila cargada de ilusión, e por iso pese ao resultado no club mostráronse "moi orgullosos da actitude e predisposición das nosas xogadoras, tanto das convocadas como das que non", sinalando que "agora toca traballar duro, seguir aprendendo e crecer xuntas".
En canto ao partido, a resistencia pontevedresa durou 8 minutos, o tempo que tardou en chegar o primeiro dos seis ensaios de Helena Espada. O maior ritmo e velocidade do Barcelona traduciuse nun 0-43 ao descanso que sentenciaba xa o duelo.
A segunda metade seguiu co mesmo guión, todo un máster de aprendizaxe para un Pontevedra Rugby Club que a pesar diso non perde o sorriso por debutar en categoría nacional e que xa pensa en mellorar a súa imaxe no seu seguinte compromiso na División de Honra B, fixado para a próxima fin de semana en Cataluña contra o Grupo Excursionista y Deportivo Gerundense.
Relacionadas:
-
Duro castigo para o Pontevedra Rugby Club en Sant Cugat no seu cuarto partido na División de Honra B
Por Redacción |
-
Volta á actividade para o Pontevedra Rugby Club tras dúas semanas de confinamento
Por Diego Espiño |
-
As xogadoras do Pontevedra Rugby Club, en corentena por un positivo por Covid no seu último rival
Por Diego Espiño |
-
Melloría do Pontevedra Rugby Club pero nova derrota na súa segunda xornada na División de Honra B
Por Redacción |
-
Exilio do Pontevedra Rugby Club para o seu debut na Divisón de Honra B feminina
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra Rugby Club dá o salto á División de Honra B Feminina: "é unha gran oportunidade"
Por Diego Espiño |