Dobre e esixente compromiso para o Leis na Copa Xunta
Por Redacción
A pretempada do Leis Pontevedra afronta o seu compromiso máis esixente ata o momento e por partida dobre na Copa Xunta.
As rapazas adestradas por Jacobo Estors afrontan unha proba de verdadeiro nivel ante dous equipos da Primeira División, como son o Ponte Ourense e o Valdetires Ferrol cunha praza para a semifinal da competición en xogo.
Os partidos son correspondentes á primeira fase da competición, que se desenvolve nunha liguiña separada en dous grupos.
Dentro desa fase inicial o Leis visitará o sábado o Pavillón dos Remedios de Ourense para recibir un día despois en Pontevedra ao Valdetires no Pavillón Municipal (Domingo 12:00 horas).
O equipo lerezano, despois da renovación sufrida en verán, progresa axeitadamente na súa preparación de cara a unha nova tempada na Segunda División e ao primeiro partido ligueiro ante o Unión Tres Cantos, fixado para a segunda semana de outubro.