Javi Pazos incorpórase aos adestramentos do Arosa e negocia a súa posible fichaxe
Por Ramiro Espiño
Algo máis dun par de meses pasaron dende que Javi Pazos rexeitase a oferta do Pontevedra para renovar o seu contrato. Dende entón o seu representante manexou diversas posibilidades e ofertas, algunhas recibidas dende fóra de Galicia, que non remataron de convencer ou callar. Entre elas mesmo houbo algún intento de achegamento deste Pontevedra, sen resultado positivo. Pero a busca de equipo pode estar a chegar á súa fin co dianteiro marinense a punto de pechar a súa fichaxe co Arosa.
De feito Javi Pazos incorpórase aos adestramentos do conxunto arlequinado dende a tarde do mércores, poñéndose ás ordes de Piscis, mentres o seu representante negocia coa directiva arosista a posibilidade da súa fichaxe para cubrir a baixa do lesionado Quique Cubas.
Por parte do equipo arosista, actual líder da Terceira División, hai interese deportivo en contar cos servizos do dianteiro, agora falta alcanzar un acordo económico que permita a súa fichaxe pola entidade que preside Manolo Abalo, cuxa directiva está a facer unha xestión exemplar, analizando calquera movemento ata estar seguro de poder fronte aos compromisos adquiridos.
Ademais do interese do Arosa, e do propio xogador, cuxas preferencias se inclinan polo cadro arlequinado, Javi Pazos ten sobre a mesa unha oferta do Choco, equipo que desexa contar cos servizos do goleador de inmediato.