A Lanzada apúntase ao surf de alto nivel co ASP Europe Pro Junior Series
Por Diego Espiño
O primeiro Surf Rías Baixas Pro Pontevedra 2013 reunirá na parte grovense do areal da Lanzada aos mellores 120 surfistas europeos en idade júnior entre os días 19 e 22 de setembro.
A proba disputarase paralelamente en categoría masculina e feminina por primeira vez nunha proba con catalogación de dúas estrelas, sendo a última cita do calendario da ASP Europe Pro Junior Series, decisiva para lograr a clasificación para o Campionato do Mundo que se celebrará en novembro en Brasil.
Dende a organización móstranse á expectativa de que as previsións meteorolóxicas acompañen á práctica deste deporte nunha competición que pode ser clave para que a provincia de Pontevedra e A Lanzada en particular poidan ter continuidade na organización de eventos internacionais, como recoñece Marcos Rodríguez, do Club Praia de Pantín: "la idea es de cara al año que viene poder hacer un evento en otras fechas y más importante, posiblemente un Open con los mejores surfistas del Mundo".
Os días de competición dependerán das condicións do mar, estando fixado o horario da proba de 10:00 a 20:00 horas.
Para completar o programa de actividades impartiranse 25 cursos gratuítos de iniciación ao surf durante os catro días para que os afeccionados que o desexen poidan realizar o seu particular bautismo de mar.
O Surf Rías Baixas Pro Pontevedra 2013 presentouse na Deputación coa presenza do presidente provincial, Rafael Louzán, quen se mostrou convencido de seguir apostando polo surf nos próximos anos como complemento á oferta turística de Pontevedra: "temos unhas condicións excepcionais que no se estaban aproveitando. Estou convencido de que a partires do 2013 Pontevedra vaise a situar no mapa do surf mundial".