Arxil e Cortegada xa coñecen os seus rivais na Copa Galicia de baloncesto
Por Redacción
O martes pola tarde nos locais da Federación Galega de Baloncesto lugar a reunión para o sorteo do calendario da Copa Galicia sénior, na que participan Arxil e Cortegada. As pontevedresas quedaron encadradas no Grupo Sur xunto ao Celta de Vigo e ao Pabellón Ourense, mentres que no Grupo Norte estarán as vilagarcianas, que defenden título, xunto a Ensino de Lugo e Universitario de Ferrol.
As rapazas de Mayte Méndez xa coñecen o seu calendario íntegro. A primeira xornada será o 29 de setembro, na que o Arxil descansará mentres xogan Pabellón de Ourense e o Celta de Vigo. Na segunda xornada o Arxil recibirá o sábado 5 de outubro, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ás 19:30 horas, ao Pabellón de Ourense para viaxar na terceira xornada a Vigo, o sábado 12 de outubro, para enfrontarse ao Celta.
Os dous primeiros clasificados de cada grupo enfrontaranse con case toda probabilidade en Ferrol, o venres 18 de outubro, xogando o primeiro do Grupo Sur contra o segundo do Grupo Norte e viceversa, quedando a final entre os vencedores para o día seguinte, sábado.
Coa participación na Copa Galicia o Arxil practicamente pecha a súa pretempada, na que o domingo, 29 de setembro, xoga no CGTD ante o Instituto de Fertilidade Air Europa, máis os partidos de Copa Galicia o 5 e o 12 de outubro, á espera de concretar co Cortegada as datas para dous partidos, un en Vilagarcía e outro en Pontevedra.