O Pontevedra asina o seu peor arranque goleador dende a tempada 2004-2005
Por Diego Espiño
Un gol de Benja ante o Racing Villabés e outro de Santi Domínguez, de penalti, ante o Grixoa é a escasa bagaxe ofensiva do Pontevedra no inicio de tempada.
Dous tantos en tres partidos ou o que é o mesmo, o peor arranque goleador dos granates dende a tempada 2004-2005, cando o equipo lerezano competía en Segunda División. Por aquel entón o Pontevedra non logrou perforar o marco contrario ata a terceira xornada, na que obtivo un empate a dous ante o Elche.
En tres xornadas os granates marcaron dous goles e encaixaron outros dous
Non obstante o máis preocupante nesta ocasión son as escasas ocasións de gol que xerou o conxunto de Nando, case nulas nos dous encontros disputados a domicilio ante o Choco (0-0) e ante o Grixoa (0-1).
Por medio un partido ante o Villalbés que arrancou cun gol temperán e algunha clara chegada local pero que rematou en derrota (1-2) e con signos de impotencia dos granates.
Nas dúas últimas tempadas, ambas as dúas en Terceira División, o Pontevedra empezara a liga con máis tantos aínda que hai dúas campañas os resultados foron similares, catro puntos a estas alturas cun derrota en Dorneda (1-0), un empate na casa ante o Cerceda (2-2) e un triunfo ante o Lalín tamén en Pasarón (2-0). En total catro goles a favor e tres en contra.
Hai un ano o inicio de liga foi inmaculado para os granates, gañando pola mínima os seus tres primeiros compromisos ante Rápido de Bouzas, Alondras e Cerceda, cun tenteo de tres goles a favor e ningún en contra.
En todas estas tempadas as cifras goleadoras son superiores, sendo a máis elevada a da liga 2009-2010 con 7 goles nos tres primeiros choques, con dous empates e unha vitoria.
Mesmo no ano do descenso a Terceira os granates sumaban catro tantos, aínda que ao igual que no presente curso contaban con catro puntos tras unha derrota, un empate e un triunfo.