Un só tiro a porta e de penalti dálle a vitoria sobre o Grixoa (0-1) a un avaro Pontevedra
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
O fútbol é un deporte que se xoga nun campo rectangular, que conta en ambos os dous extremos con dous paus verticais unidos por outro horizontal aos que se lles chama portaría. Para practicalo é necesario un obxecto redondo, chamado balón, que se pode golpear (non necesariamente maltratar) con calquera parte do corpo, agás con mans e brazos, coa finalidade de introducilo na xa indicadas portarías. Gaña o que o consegue máis veces.
Pois ben, Grixoa e Pontevedra tiveron campo, tiveron balón, maltratárono máis que golpealo, pero pareceron empeñados en esquecérse de esa "cousa estraña" chamada portaría, á que ignoraron de forma tal que entre os dous tan só enviaron unha vez ese balón entre os tres paus. Foi de penalti. Un penalti tan xusto e claro como absurdo, que transformado por Santi Domínguez lle deu a vitoria a un equipo granate avaro na súa proposta futbolística, pouco brillante no seu xogo e máis aburrido aínda na súa posta en escena.
Din algúns que o fin xustifica os medios. Se iso fose así habería que dar por boa a vitoria. Non obstante o lóxico é pensar que, fronte a un rival digno pero modesto como o Grixoa, xogando así os de Nando estarán a maior parte das veces máis preto da derrota que de obter os tres puntos, xa que non sempre terán en fronte un rival tan inocente.
De novo un absurdo e rudimentario fútbol directo. De novo excesiva distancia entre liñas. De novo problemas na construción e combinación. E de novo falta de contundencia e seguridade defensiva. Erros repetidos das tres xornadas que levamos de Liga, sen indicio de melloría. Gañouse, si, pero a vitoria non pode nin debe ocultar que foi máis debido á debilidade do adversario que dos méritos contraídos polos granates, que aburriron soberanamente ao respectable.
Pouco que dicir da primeira parte. O Grixoa poñíalle vontade. O Pontevedra nin iso. A lesión de Benja, cun posible problema de menisco, pendente de confirmación médica, veu a alterar un comezo prácido que xa anticipaba unha mala tarde de fútbol.
Nesas estabamos, cos porteiros de espectadores, cando unha falta lateral mal botada por Santi Domínguez, remataba de forma tan clara como inocente na man de Cholo. Penalti que transformaría Santi Domínguez. O Pontevedra poñíase por diante co seu único remate entre os tres paus.
Claro que menos facía en ataque o Grixoa, que houbo de esperar ata o minuto 43, cando Diego González proba fortuna nunha falta frontal, mandando o balón lixeiramente alto, sobre o longueiro da meta pontevedresa. E é que ata nisto o Pontevedra andou pouco fino, concedendo demasiadas accións a balón parado (único recurso ofensivo do Grixoa) nas proximidades da súa área ao rival, salvadas pola falta de pólvora do equipo de Suso Moure.
A segunda parte non foi mellor. Os granates seguiron coa súa aposta polo fútbol directo, aínda que probarían fortuna algo máis asiduamente, pero ou ben as súas contras finalizaban sen acerto no último pase, ou con remates ás nubes e sen perigo.
O Grixoa puido empatar na súa única ocasión a falta de once minutos que Adrián Padrón rematou fóra
Iso si, o curto do marcador fixo crer ao Grixoa que era posible a sorpresa. E foise arriba, tanto que a falta de 11 minutos puido empatar, nunha saída en falso de Paco, que permite o remate de cabeza de Adrián Padrón, pero o balón marcharía desviado, fóra.
Os granates durmiron o partido nos últimos minutos, conservando un resultado obtido coa pobre bagaxe dun só disparo entre os tres paus. Pouco, pero é que o Grixoa non fixo nin sequera iso.
S.D. GRIXOA (0): Brais (1); Diego Peña (1), Adrián Padrón (1), Cholo (1), Dani Conde (1); Diego Fernández (1), Peque (1); Chenel (2), Mon (1), Moto (1); e Calderón (1).
Substitucións: David Nogueira (1) por Mon, minuto 46. Brais Calvo (1) por Moto, minuto 58. Losada (1) por Diego Fernández, minuto 68.
PONTEVEDRA C.F. (1): Paco (1); Adrián (1), Pablo (1), Miguel (1), David Feito (1); Tubo (1), Candela (1), David García (1), Fran Fandiño (1); Santi Domínguez (1) e Benja (s.c.).
Substitucións: Richi (2) por Benja, minuto 17. Moreira (1) por David García, minuto 70. Caco (s.c.) por David Feito, minuto 82.
Árbitro: José Ramón Jiménez Alberte (Ourense), auxiliado nas bandas por Hernández González e Jardón González. Amoestou a Mon, Miguel e David García.
Goles: (0-1) Minuto 25: Penalti por man de Cholo que transforma Santi Domínguez, enganando a Brais.
Incidencias: Campo de Santa Isabel (Santiago de Compostela). Uns 300 afeccionados. O Pontevedra saíu con brazaletes negros polo falecemento do que foi xogador do primeiro equipo granate, no ano da súa fundación, Foro.
VESTIARIOS:
SUSO MOURE: O adestrador do Grixoa destacou ao termo do partido que o resultado máis xusto ao seu xuízo tivese sido un empate sen goles, ademais de mostrarse sorprendido co xogo despregado polo Pontevedra: "A min parécenme moi rácanos, moi feos en fútbol, sobre todo para xogar con Grixoa, que é un equipo inferior, dos que vai a estar pelexando toda a tempada para salir dos postos baixos. Case non nos creou ocasións, un fútbol moi directo, de moita disputa, bastante repregado atrás, practicamente non fixo xogadas de ataque nin ocasións de gol. Nos tampouco lles fixemos perigo, a portería a cero para os dous pode que fora o resultado máis xusto".
Nando: "Hemos sido rácanos, pero nos llevamos tres puntos. Se ha visto un partido muy feo para el espectador pero muy práctico para el equipo"
NANDO: Pola súa banda Nando recoñeceu o pouco xogo demostrado no campo de Santa Isabel, pero priorizou unha vitoria que entende como transcendental: "Sí por supuesto, hoy hemos sido rácanos, pero nos llevamos tres puntos que en este momento es lo que yo valoro. Ya habrá momento de jugar un fútbol más alegre y más vistoso que le agrade a la gente pero en estos momentos, y más después del palo del otro día, hemos hecho un partido más serio en el aspecto de ponernos el mono de trabajo y nos hemos llevado los puntos. El Grixoa ha sido un equipo muy rocoso, que no ha roto en ningún momento sus líneas, hoy se ha visto un partido muy feo a lo mejor para el espectador pero muy práctico para el equipo y eso es lo que a mí más satisfacción me da".