A liga Nacional Infantil de Karate fará parada en Pontevedra en febreiro
Por Redacción
O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra será escenario, os días 27 e 28 de febreiro, da primeira fase da Liga Nacional de Kárate en categoría Infantil, segundo confirmou a concellería de Deportes.
A concesión do campionato foi pechada este mesmo martes nun encontro no que participaron o edil Tino Fernández xunto aos presidentes das federacións Galega e Española deste deporte, Óscar Lafuente e Antonio Moreno, ademais do seu vicepresidente e do xefe do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló.
"Supón unha gran oportunidade para Pontevedra", sinalou Fernández sobre a posibilidade de abrirse á organización de eventos nesta modalidade deportiva, aínda que matizou que se celebrará "a condición de que as condicións sanitarias o permitan".
En canto á Liga Nacional de Kárate "está concibida para que calquera competidor e competidora en cada unha das súas categorías poida coller experiencia en competición de carácter nacional", explicou o responsable municipal, e "estará composta de dúas quendas e unha gran final para a que se seleccionarán os oito primeiros clasificados da clasificación".
O torneo desenvolverase en dúas xornadas, durante a tarde do sábado 27 e a mañá do domingo 28 de febreiro nas modalidades de Kumite e Kata.