Contundente vitoria do Poio Pescamar (0-4) que non deu opción ao Comarcal A Fervenza na Copa Xunta
Por Redacción
Neta superioridade do Poio Pescamar que non deu opción ao Comarcal A Fervenza, en partido disputado no Pavillón do Ensanche, en Ferrol, correspondente á Fase de Grupos da Copa Xunta. As rapazas de Marcio Santos seguen deixando excelentes sensacións nesta pretempada e venceron por un contundente 0-4.
O Poio Pescamar, que afrontaba o partido coa baixa de Anita por unha escordadura de xeonllo, empeza a deixar mostras do que o técnico pretende sexa o seu sinal de identidade na liga próxima a comezar, a presión en toda a pista sobre o equipo contrario. Así, dende o asubío inicial o mando foi para as visitantes, ante un equipo que se pechaba ben intentando parar a avalancha.
A boa actuación de Nerea na portaría local non puido evitar que esa superioridade do Poio comezase a ter reflexo no marcador no minuto 7 de partido, ao culminar Claudia unha boa xogada de todo o conxunto, resultado co que se chegaría ao descanso.
No segundo tempo mantívose a mesma tónica, co Poio Pescamar premendo a toda a pista e o Comarcal A Fervenza encerrado atrás. As locais buscaban as súas oportunidades ao contragolpe, pero sen conseguir xerar perigo. Así ata o minuto 27, en que o Poio rompía o partido con dous goles consecutivos en apenas uns segundos, conseguidos por Charo e por Mar, para redondear o marcador no minuto 35 co cuarto e definitivo gol, obra de Ceci.
COMARCAL A FERVENZA (0): Nerea, Belén, Laura, Irene, Alba -cinco inicial-, Amanda, Antía, Noelia, Claudia, Andrea, Cintia e Andrea Sabio.
POIO PESCAMAR (4): Carmen, Mar, Yoly, Kiko, Elena -cinco inicial-, Paloma, Ceci, Charo, Claudia, Peke e Silvia.
Goles: (0-1) Minuto 7: Claudia. (0-2) Minuto 27: Charo. (0-3) Minuto 28: Mar. (0-4) Minuto 35: Ceci.
Incidencias: Pavillón do Ensanche (Ferrol). Partido correspondente á Fase de Grupos da Copa Xunta.
O Poio Pescamar xogará o seguinte partido de preparación o próximo xoves, ás 20:30 horas no Pabellon de Os Remedios (Ourense) ante o Cidade As Burgas de Primera División, en disputa do torneo Cidade de Ourense.