Olga Fedorova deixa o Club Baloncesto Arxil ao quedar embarazada
Por Redacción
Olga Fedorova non poderá cumprir o seu compromiso para a tempada 2013-14 co Club Baloncesto Arxil porque a súa situación familiar cambiou durante este verán. Olga volverá ser nai, e polo tanto non poderá defender por terceira tempada consecutiva a elástica verde.
Tras a gran campaña que fixo a pasada tempada, na que foi a referencia no xogo interior das verdes e un dos pivotes máis determinantes da competición, Olga comprometérase co Arxil cunha condición: estaba a intentar volver ser nai, e de conseguilo abandonaría a práctica do baloncesto por este ano.
Dende o Club afirmaron que "é moi difícil substituír unha xogadora da súa calidade, tanto como xogadora como compañeira, pero nos alegramos moito por ela. Olga estará no noso recordo, e esperamos vela polas bancadas do Estadio animando as súas compañeiras ".
Así as cousas, Estefanía López é o único pivote que ten o C.B. Arxil, polo momento, para a tempada. O club ten practicamente atada a unha xogadora interior, pero que non chegará antes de outubro, e púxose a buscar unha xogadora que poida xogar de posición 4 e poida achegar tanto tiro exterior como interior, e que sexa dura en defensa. Liño Vázquez ten un par de opcións para este posto, "así que intentaremos buscar a mellor opción, que conxugue axuste de presuposto e incremento de calidade para o equipo ".
Baixo as ordes de Cuco Rodríguez no apartado físico, as xogadoras do equipo LF2 traballaron durante toda a semana, conxuntamente coas xogadoras do Arxil Mafari Café. A próxima semana empezarán en dobre sesión física e pista, baixo a supervisión de Mayte Méndez e os seus dous axudantes, Milagros Sanmartín e Marita Janeiro. Por este motivo o partido previsto en Viveiro para o próximo xoves 12 ante o Ensino pospúxose para outra data.
O martes 10 pola tarde coñecerase o calendario da Copa Galicia de Liga Feminina 2.