Gisela Pulido da unha clase maxistral na Lanzada
Por Redacción
O Tartaruga Surf Center, situado no aparcadoiro central da praia da Lanzada (O Grove, Pontevedra), foi este venres o punto de encontro dunha clase maxistral de kiteboard que encheu a famosa praia galega de cometas, atraendo ademais a mirada de moitos curiosos que non quixeron perder a oportunidade de admirar este espectacular deporte de auga.
Como profesora de honra, a nove veces campioa mundial Gisela Pulido. Como alumnos, un nutrido grupo de "kitesurfistas" vidos de diferentes puntos de Galicia que grazas a Movistar e a Federación Galega de Vela puideron coñecer de primeira man non só a primeira figura mundial do kiteboard senón tamén os seus trucos e aprender da súa experiencia.
Dende primeira hora da mañá foi chegando a Lanzada xente de diversos puntos de Galicia: Vigo, Pontevedra, A Coruña, kitesurfistas da ría de Muros e Noia, etc. Todos coa mesma ilusión: gozar dun día de kiteboard nun marco incomparable e coa número un Gisela Pulido. Máis rapaces que rapazas, pero un abano de xente que incluía dende os máis experimentados, con máis de dez anos practicando kitesurf, ata recentes descubridores deste deporte, con menos dun ano voando sobre a auga con cometa.