Previr o sedentarismo e a obesidade, obxectivos do X Congreso sobre o Ensino da Educación Física
Por Redacción
Pontevedra acollerá dende o próximo xoves, día 5 de setembro, e ata o día 8 o X Congreso Internacional sobre o Ensino da Educación Física e o Deporte Escolar.
Co obxectivo de debater sobre as mellores accións de prevención cara ao sedentarismo e a obesidade, principalmente infantil, 25 relatores de universidades como a de Lieja, Montreal ou Lisboa, protagonizarán charlas e talleres para os preto de 150 inscritos.
Os participantes nas xornadas contarán cun apertado calendario de actividades que, non obstante, deixa libre a tarde do sábado, onde os visitantes xa confirmados de diferentes lugares de España ou países como Costa Rica, Brasil ou Chile poderán coñecer a cidade, engalanada ese día coa celebración da Feira Franca, como recordou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ao organizador do Congreso, Guillermo Reinaldo Barros.
Segundo Reinaldo Barros, con estas xornadas de "prestixio internacional" buscan "que haxa un intercambio de ideas co que se fai en outros lugares do Mundo".