Pontevedra acollerá en setembro un congreso sobre o ensino da educación física
Por Redacción
Preto de 200 persoas entre docentes, estudantes, adestradores, monitores deportivos ou de tempo libre e cidadáns que poidan estar interesados, daranse cita no X Congreso Internacional sobre o Ensino da Educación Física e o Deporte Escolar.
A cita, de carácter bianual, recalará en setembro en Pontevedra (do día 5 ata o 8) co obxectivo de promover os hábitos de vida saudable e combater problemas como o sedentarismo ou o sobrepeso, especialmente en idade infantil, tal e como explicaron Guillermo Reinaldo, responsable do congreso, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores: "trátase de plantexar o deporte como unha ensinanza, unha promoción da vida saudable".
O evento, organizado pola Federación Española de Asociacións de Docentes de Educación Física (FEADEF) celebrarase por primeira vez en Galicia congregando no Pazo da Cultura a especialistas na materia provenientes de universidades de Montreal, Lieja ou Costa Rica.
Ademais das conferencias no programa están incluídos talleres de espeleoloxía, piragüismo, vela ou orientación para desfrute de todos os asistentes.