Toque de atención de Nando ao plantel
Por Diego Espiño
A derrota na casa ante o Racing Villalbés non sentou nada ben no corpo técnico granate encabezado por Nando.
Despois das declaracións do propio Nando ao termo do partido, onde aseguraba que non lle gustara a actitude do seu equipo, o técnico comezou a semana cun toque de atención aos seus en forma de charla previa á sesión preparatoria.
O preparador e o seu corpo técnico reuniron a todo o plantel na bancada do campo de Príncipe Felipe durante 50 minutos, nos que repasaron situacións concretas do encontro ante o Villabés e onde Nando esixiu unha maior intensidade aos futbolistas.
Tras a charla iniciouse un adestramento no que os titulares o domingo realizaron exercicios de recuperación mentres o resto de xogadores disputaban un partidillo contra os futbolistas do filial que tampouco xogaron ante o Villalonga.
Á sesión non acudiu Santi Domínguez, con molestias nun nocello, mentres Iago Paz volveu exercitarse á marxe do grupo.
O equipo granate descansa este martes, volvendo aos adestramentos o mércores para preparar o choque do próximo domingo en Santiago ante o Grixoa.
Para adaptarse ás condicións que se encontrarán no campo de Santa Isabel, o Pontevedra programará polo menos dúas sesións nun campo de herba sintética, sendo o escenario máis problable os campos da Xunqueira.
TOMÁS ABELLEIRA INICIA A SÿA RECUPERACIÿN
Catro días despois de ser operado dunha lesión no menisco externo do seu xeonllo esquerdo, Tomás Abelleira iniciou este luns a súa rehabilitación no Centro de Fisioterapia Miguel Domínguez.
O equipo médico confía en que a recuperación do futbolista se prolongue entre seis e oito semanas.