Ridículo do Pontevedra (1-2) ante o Villalbés e primeira reprimenda da tempada en Pasarón
Por Ramiro Espiño
Non hai desculpas que sirvan. Nin o primeiro gol do Rácing Villalbés conseguido en claro fóra de xogo. Nin dous posibles penaltis na área visitante, un por man de Josito, o outro por derrubamento a Santi Domínguez, son escusa abondo para xustificar o mal xogo e peor actitude competitiva dun Pontevedra que rozou o ridículo na súa presentación ante o seu público, caendo derrotado nun partido para esquecer, que provocou a primeira reprimenda dunha afección absolutamente enfastiada polo sufrido en tempadas anteriores, e que comeza a sospeitar que lle agarda unha nova campaña para esquecer.
Claro que é moi pronto. Claro que van só dúas xornadas. Pero un punto de seis posibles para un equipo que se supón parte coa vitola de favorito ao título, non é a mellor carta de presentación. Aínda así, con ser malos os números, peores son as sensacións. E é que se en Redondela houbo pouco xogo e menos oportunidades, esperábase que o menos en Pasarón, sen a desculpa do vento, nin da herba sintética, mostrásese outra cara, intentásese levar a iniciativa do partido, e buscásese algo máis que un absurdo fútbol directo para o que non hai nin os homes nin as condicións axeitadas.
Pois nada máis lonxe da realidade. Seis minutos foron os que o afeccionado local gozou lixeiramente. Seis minutos os que lle durou a enerxía ao Pontevedra. Seis minutos para poñerse por diante no marcador co gol de Benja. E apagouse a luz.
Distancia entre liñas sideral. Brandura en defensa e na disputa do balón dividido. Erros constantes en defensa e nas entregas. Falta de actitude da maior parte dos xogadores, que parecían escapar ao contacto co balón en lugar de dar apoio ao compañeiro. O Villalbés uliu o sangue e foise a pola súa peza. Con algo tan sinxelo como botarlle intensidade á disputa.
Avisou o conxunto visitante aos 24 minutos, cun disparo de falta de ÿscar Martínez que remata na travesa, e empatou no 32 ao aproveitar Efrén, en claro fóra de xogo, un centro de Porati. Pouca cousa, pero menos fixera o conxunto local, que dende o gol de Benja ata o minuto 42, en que Richi estrela un remate no poste en acción individual, non volvera pisar con perigo a área visitante.
A segunda parte foi aínda peor. O remate do central Miguel, aos dous minutos, sería un espellismo. Mandou o balón ao centro, ás mans de José Ángel. Logo a nada máis absoluta. O Villalbés sentíase cómodo esperando unha contra que chegou no minuto 24. Para iso contou coa pasividade primeiro de David Feito, que permitiu marchar a José Varela, e logo de Miguel, que non pechou axeitadamente o centro. Efrén fixo o resto, empurrando só no segundo pau a porta baleira.
Quedaba un mundo, pero o que non había era ideas. Aínda así, no arreón final Tubo dispuxo da ocasión para igualar o partido, pero o seu remate franco foi demasiado centrado permitindo ao meta visitante atrapar o balón e dar paso ao conseguinte e lóxico enfado dunha afección que se merece moito máis, o principal de todo é respecto daqueles que salten ao campo vestindo a camiseta granate.
PONTEVEDRA, C.F.: (1): Paco (1); Adrián (1), Pablo (0), Miguel (0), David Feito (0); Tubo (0), Candela (1), David García (1), David Pérez (1); Santi Domínguez (0) e Benja (1).
Sustitucions: Richi (2) por Benja, minuto 32. Moreira (0) por David García, minuto 55. Luismi (1) por David Pérez, minuto 63.
RÁCING CLUB VILLALBÿS (2): José Ángel (1); Pablo (1), Josito (1), Roberto (1), Álex (2); Hugo (1), Make (2); Porati (1), Justino (1), ÿscar Martínez (1); e Efrén (2).
Sustitucions: José Varela (2) por ÿscar Martínez, minuto 61. Javi (1) por Hugo, minuto 67. Nico (s.c.) por Efrén, minuto 81.
Árbitro: ÿscar López Fernández (A Coruña), auxiliado nas bandas por Luis Taboada e ÿdgar Soto. Amoestou a Pablo (Pontevedra), Hugo, Make e Justino.
Goles: (1-0) Minuto 6: Benja aproveita un rexeitamento tras remate de Pablo que saca Josito baixo paus. (1-1) Minuto 32: Efrén empurra só no segundo pau e en claro fóra de xogo un centro de Porati. (1-2) Minuto 69: Centro de José Varela que remata desmarcado no segundo pau Efrén.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Moi frouxa entrada con ao redor de 700 espectadores.
VESTIARIOS:
DAVID PÁEZ: Como non podía ser menos, o adestrador visitante mostrábase satisfeito do resultado e do traballo do seu equipo: "Reaccionamos ben ao gol tan rápido que marcou o Pontevedra. Os xogadores fixeron o seu traballo, tivemos o balón, e na segunda parte buscamos máis o espazo para facerlles dano. Son as nosas armas, a orde en defensa e a intensidade na disputa, con moito equilibrio nas liñas por detrás do balón, para crear perigo á contra. Hoxe deunos resultado, a pesar de que en fronte estaba un bo equipo como o Pontevedra".
Nando: "Non me gustou nin o xogo nin a actitude do equipo. A presión non é escusa para ninguén, sabemos onde xogamos e o nivel de esixencia deste club"
NANDO: Non quixo esconder o seu desgusto o técnico granate, que foi claro ao axuizar o sucedido no cesped: "Non me gustou nin o xogo nin a actitude do meu equipo. Houbo demasiada distancia entre liñas e estivemos moi brandos na disputa dos balóns divididos, de feito a xogada do segundo gol sae de algo así, cando primeiro David Feito e logo Miguel permiten a xogada e o remate. A presión non pode ser escusa para ninguén, sabemos onde xogamos e o nivel de esixencia que ten este club. Non quero sinalar a ninguén, pero isto non pode repetirse, a culpa é de todos, tanto dos xogadores como miña,".