Pablo Alonso cambia as pistas polos despachos e asume a dirección deportiva do Peixegalego
Por Diego Espiño
O pivote e capitán do equipo sénior do Peixegalego, Pablo Alonso, retírase da práctica deportiva despois de defender as cores do equipo marinense dende o ano 2006.
Pablo seguirá non obstante ligado ao club ante o reto que supón competir a próxima tempada na terceira categoría do baloncesto nacional, a Adecco Prata.
O xa ex-xogador 'peixe' será a partir de agora o director deportivo do club e farase cargo como adestrador dos equipos femininos de categoría cadete e júnior, no que supón ademais o primeiro ano de existencia do segundo deles.
Pablo Alonso xa colaboraba nas categorías base do club na dirección deportiva, como segundo adestrador do equipo xuvenil e adestrador do minibasket masculino, ademais de axudar na organización dos campionatos de España cadete e júnior dos dous últimos anos.
No plano deportivo o Peixegalego busca agora un substituto para a posición de pivote e reforzar así o xogo interior do equipo.