Poio abre a preinscrición para as escolas deportivas
Por Redacción
O Concello de Poio quere recuperar a actividade deportiva de base na maior brevidade posible, sempre e cando se respecten todas as medidas de seguridade necesarias para garantir o benestar dos usuarios e usuarias das diferentes modalidades. Esta foi unha das cuestións nas que se amosaron de acordo os representantes dos diferentes clubes e agrupacións do tecido deportivo municipal, nunha reunión telemática que mantiveron este xoves coa titular deste departamento, Marga Caldas.
Un dos acordos aos que chegaron foi o de abrir un período de preinscrición para poder empezar as actividades nas vindeiras semanas. Segundo sinalou a edil do BNG, "gustaríanos comezar entre mediados de outubro e principios de novembro. Nós traballamos para iso, pero sempre tendo en conta os protocolos que establezan as diferentes federacións e a Xunta de Galicia" lembrando, así mesmo, que a Administración autonómica vén de determinar que os usuarios e usuarias de modalidades deportivas que impliquen contacto físico deberán utilizar mascarilla.
"Poio sempre foi un referente no eido deportivo, polo que tanto o Concello como as agrupacións e clubes concordamos en que é importante iniciar a actividade en canto sexa posible. Ademais, para nós é prioritario poder ofrecer ás crianzas iniciativas para fomentar os hábitos saudables, máxime despois dos meses de confinamento que tiveron que superar", indica Caldas Moreira. Na reunión determinouse, ademais, que o inicio da tempada sexa progresiva.
"Non comezarán todos os equipos ao mesmo tempo", engade a concelleira, que explica que unha das ideas que se baralla é que os primeiros en comezar sexan os equipos xuvenís e, segundo pasen as semanas e non se producen novidades no contexto sanitario, se vaian tamén reincorporando os cadetes, infantíns, alevíns, benxamíns, etc. Sobre este aspecto, Marga Caldas afirma que "estamos pendentes de como se está desenvolvendo o inicio do curso escolar, porque aí os cativos e cativas xa están adquirindo e interiorizando os hábitos de protección aos que debemos afacernos".
Na reunión do pasado xoves tamén se falou dos protocolos municipais que se elaborarán para cada modalidade e, ademais, se acordou que os inscritos e inscritas no deporte de base na temporada pasada teñan preferencia á hora de obter praza nesta nova convocatoria. Haberá descontos do 30% nas matriculacións, para compensar a paralización das actividades durante o estado de alarma. "Os clubes non sufrirán merma económica por isto, xa que será o Concello que lles achegue esa contía, para que a reducións das cotas non lles afecte", garantiu a edil de Deportes.
Ademais, quedarán exentos de pagar estas cotas as familias que cumpran cos requisitos determinados polo departamento de Servizos Sociais. No caso de que se cubran as prazas dalgunha modalidade, acordouse tamén intentar promocionar outras disciplinas minoritarias. A medio prazo, o Concello tamén confía en poder recuperar eventos e citas que tiveron que ser suspendidas por mor da crise sanitaria. "Agardamos que no futuro poidamos retomalas, coas medidas correspondentes", finalizou.
Relacionadas:
-
O prazo para inscribirse na escola deportiva de fútbol de Poio remata o 14 de xaneiro
Por Redacción |
-
Poio inicia a actividade das súas escolas deportivas municipais con preto de 350 inscritos
Por Redacción |
-
Poio pacta cos clubs iniciar as escolas deportivas a partir do 1 de outubro
Por Redacción |