O marinense Zoe del Río proclámase nos Pireneos subcampión de España júnior de enduro
Por Redacción
A estrea do calendario de campionatos nacionais de BTT foi moi positivo para o club XSM de Marín e en particular para o seu ciclista Zoe del Río.
O deportista marinense proclamouse este domingo subcampión de España da modalidade de enduro na categoría júnior, na competición que se celebrou no Pirineo Aragonés, en concreto na o localidade de Castejón de Sos (Huesca).
A proba consistía en cinco treitos cronometrados que sumaban 11,5 quilómetros cun trazado esixente física e tecnicamente. A iso sumábanse sectores de ligazón para completar un total de 38 quilómetros e un desnivel acumulado de 1.750 metros.
O tamén galego David Fernández foi o único que superou a Zoe del Río, tomando o mando co mellor tempo no tramo inicial con 11 segundo de vantaxe. O tudense ampliou esa marxe 6 segundos máis na segunda zona cronometrada, estando ambos os dous moi igualados no seguintes tres parciais.
O vencedor marcou un tempo de 28 minutos exactos, 18 segundos máis rápido que Del Río.
A piques estivo Galicia de conseguir un triplete no podio, aínda que finalmente impediuno Rodrigo Gamarra (Velobur), que levou a medalla de bronce.