Ancorad'Ouro, ED Marín e O Fisgón fusiónanse: "Non tiña sentido continuar divididos"
Por Redacción
Xornada histórica para o deporte marinense en xeral e para o fútbol sala en particular, coa unión dos tres clubs da localidade.
Os presidentes de Ancorad'Ouro, ED Marín e O Fisgón selaron a fusión das súas entidades #ante a presenza da alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, co obxectivo de crear unha nova entidade que potencie o deporte de Marín e se converta nunha referencia a nivel galego.
Esta unión permitirá contar cunha ampla estrutura de base e ter presenza nas principais categorías, empezando pola Segunda Feminina na que participaba ata o de agora O Fisgón.
"Non tiña sentido continuar divididos", recoñece Ubaldo Lago, dirixente do Ancorad' Ouro, destacando o potencial do novo club para "atraer talento e evitar que os xogadores de máis calidade marchen a outros equipos porque os mellores estarán aquí".
"Os tres equipos temos filosofías similares á hora de afrontar os nosos proxectos e a educación dos nosos xogadores e xogadoras", explicou pola súa banda Araceli Otero, de O Fisgón, que defende que "así todos somos máis fortes".
Para todos eles a meta é que "o fútbol sala creza en Marín", expresou á súa vez Antonio Aguilera, presidente da ED Marín, sinalando que os maiores beneficiados da fusión serán "todos os nenos aos que lles gusta este deporte".
Un acordo histórico para o deporte da vila que, todos esperan, sexa a base para moitos anos de éxitos.