Atletismo de alto nivel e moitas máscaras na festa da Peregrina
Por Redacción
As pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleron este venres a quinta edición da Festa do Atletismo Galego na que participaron un centenar de atletas, entre eles campións de España como Jean Marie Okutu, Lida Parada ou Saleta Fernández, que acaparou todas as miradas ao tentar conseguir a mellor marca española da tempada do salto de altura. Non puido superar o 1,86, pero o seu salto de 1,81 metros bastoulle para facerse coa vitoria.
Outro dos grandes atractivos estivo na carreira dos 100 metros lisos nos que se viviu unha intensa loita pola vitoria entre o velocista Mauro Triana e o saltador de lonxitude Jean Marie Okutu, que se resolvio por centésimas en favor do primeiro. Non tivo o seu mellor día o atleta marinense, que tampouco puido facerse co primeiro posto na súa especialidade.
Cunha temperatura e unhas condicións climáticas excepcionais para a práctica do atletismo, os escasos espectadores que puideron acceder ao interior do recinto tiveron a oportunidade de gozar dunha entretida tarde de atletismo na que non faltaron as probas de velocidade, os saltos de altura e lonxitude e o lanzamento de xavelina.
As normas sanitarias para evitar posibles contagios por coronavirus fixeron que as máscaras fosen unha constante sobre o tartán pontevedrés, pois os atletas só podían quitarlla para competir. Outro aspecto novo foi a carreira de 600 metros de categoría cadete na que os participantes correron por rúas ao estar prohibido o deporte en grupo.