Fali, Candela, David Feito e Mateo, obxectivos do Pontevedra para pechar o seu equipo
![Ramiro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/a72/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6352bc9a23-20140207-patxot-ramiro-020.jpg)
Por Ramiro Espiño
A pouco máis dunha semana para o comezo da Liga o Pontevedra intenta completar o seu equipo con novas incorporacións que permitan dar o salto de calidade necesario para afrontar a tempada con garantías de pelexar polo primeiro posto e polo ascenso.
A dificultade para encontrar no mercado próximo os xogadores que se pretenden fixo que a secretaría técnica sondase o mercado nacional, e así Milo Abelleira ten moi avanzadas as xestións con ata catro novos xogadores que, antes de finalizar o mes, poderían incorporarse ás ordes de Nando.
De feito tres deles espérase poder pechar a súa contratación como máximo o próximo luns, para que poidan dispoñer de toda a semana de preparación antes do partido inaugural co Choco. Serían os casos do dianteiro Fali, o centrocampista Candela, e o lateral esquerdo David Feito. Pendente quedaría a opción do cuarto xogador, Mateo, que pola súa calidade podería ser un home que marque diferenzas na categoría, se ben no seu caso ten ofertas do fútbol chipriota que a última hora poderían impedir a súa chegada.
Os datos destes catro xogadores son os seguintes:
Rafael Brieva Primo 'Fali', dianteiro centro, 29 anos, 1,95 de estatura, xogador formado na canteira do Sevilla, pasou logo por Eibar, Ontinyent e Orihuela.
Ángel Luis Ruiz Paz 'Candela', mediocentro e defensa central, 26 anos, 1,80 de estatura, tras o seu paso polo Celta B e Montañeros, regresou ao Albacete onde se iniciou como futbolista e onde actuou a pasada tempada.
David Feito Vélez 'David Feito', defensa lateral esquerdo, aínda que tamén pode xogar como interior, 30 anos, 1,78 de estatura, procede do Coria, equipo da súa localidade natal, que milita na Terceira División andaluza. Cunha longa traxectoria ás súas costas, xogou, entre outros equipos, no Logroñés, Guadalajara, Universidad de Las Palmas e Teruel.
Mateo Míguez Adán 'Mateo', centrocampista, interior esquerdo ou enganche, 26 anos, 1,75 de estatura. Nacido en Redondela e formado na canteira do Celta, as dúas últimas tempadas militou na Ponferradina.
Claro que en caso de chegar a bo termo a contratación destes catro homes os movementos no equipo granate terían que seguir, neste caso para facer oco aos que cheguen, de modo que algún dos homes que viñeron realizando a pretempada, e cuxo rendemento non rematou de convencer o adestrador nin o director deportivo, terían que buscar destino noutros equipos.