Victoria xusta do Portonovo (3-2) sobre un descafeinado Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Con toda xustiza, e mesmo curto marcador, o Portonovo adxudicouse a XLIII edición do Trofeo Leopoldo González Pombo, ao impoñerse a un Pontevedra descafeinado, con moitas ausencias de homes chamados a ser titulares no equipo de Nando, que volveu deixar en evidencia graves erros defensivos e na construción de xogo, como xa sucedese en anteriores compromisos da pretempada fronte a rivais de categoría inferior, como Ribadumia ou Sanxenxo.
Este tipo de partidos deberían ser a ocasión para que aqueles xogadores que buscan un oco no primeiro equipo lle demostren ao técnico que teñen sitio, que poden ser unha alternativa válida en calquera momento. Non obstante, na práctica, rematan servindo para todo o contrario, para efectuar descartes de homes que claramente están a unha distancia considerable en canto a rendemento e mesmo actitude sobre o terreo de xogo.
Nin sequera o feito de que o Portonovo se vise claramente beneficiado de dous graves erros arbitrais que deron orixe aos dous primeiros goles locais, o primeiro a raíz dun penalti inexistente cometido por Alberto Rey sobre Álex Cubas, e o segundo tras unha clamorosa falta no roubo de balón de Suso a Yago Vázquez, supoñen escusa. Os granates saíron con moita menor intensidade nas súas accións que un Portonovo tenso e agresivo na disputa do balón, concedendo numerosas ocasións de gol, tanto no primeiro coma no segundo tempo, que puideron rematar cun resultado aínda máis avultado a favor do equipo que adestra Ricardo Fernández.
O temperán 2-0 que figuraba no marcador fixo espertar aos granates, que non obstante non chegaron a dominar nunca nin a levar o peso do partido. Aínda así, antes do descanso Fran Fandiño reducía diferenzas ao rematar de cabeza un saque de falta, ao ao pouco de comezar a segunda Santi Domínguez empataba, ao empalmar dende preto un centro de Javi Nogueira.
Parecía que o Pontevedra podía levarse o partido, pero volveron os erros, e o Portonovo, á contra puido marcar antes mesmo de que Nacho aproveitase un rexeitamento dun inseguro Paco, a lanzamento de falta botada por Suso.
O carrusel de cambios, lonxe de arranxar o panorama só serviu para que o Portonovo, ben posicionado, buscase unha contra para sentenciar, sen acerto no pase final, como tampouco o tivo o Pontevedra, que apenas pisou a área arlequinada con perigo.
S.D. PORTONOVO (3): Marcos (Alejo, min. 63); Dopazo, Renda, César (Rodri, min. 69), Gándara; Suso, Víctor (Suso Bea, min. 46); Álex Cubas, Luis Alberto, Nacho; e Silva (Iván, min. 69).
PONTEVEDRA, C.F. (2): Edu (Paco, min. 46); Uru, Bruno, Yago Vázquez (Emilio, min. 46), Alberto Rey; Fran Fandiño (Moreira, min. 46), Brais (David García, min. 65), Javi Nogueira (Javi Otero, min. 70), David Pérez (Luismi, min. 46); Kevin (Diego González, min. 46) (Benja, min. 70) e Santi Domínguez (Buba, min. 70).
Árbitro: Villanueva Carballo (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Darío César Domenech e David Outón Domínguez. Mostrou tarxetas amarelas a David Pérez, Bruno e David García.
GOLES: (1-0) Minuto 14: Suso, de penalti. (2-0) Minuto 18: Silva. (2-1) Minuto 42: Fran Fandiño. (2-2) Minuto 51: Santi Domínguez. (3-2) Minuto 63: Nacho.
Incidencias: Campo de Baltar (Portonovo). Preto de 300 espectadores.