27 de xuño, día festivo para os granates

Por Manu Otero
As últimas xestas do Pontevedra gardan moitas similitudes. Ambas foron por 3-0, no último partido polo ascenso e cun dianteiro con Rodríguez de apelido como heroe. Dos ascensos a Segunda do 2004 e a Segunda B do 2015 pasaron xa moitos anos, pero ambas as fazañas volveron este sábado á mente da afección e a asolagar as redes con mensaxes e recordos porque, se os fieis de Pasarón puidesen elixir, o 27 de xuño sería festivo local en Pontevedra.
A actividade futbolística do conxunto granate terminou de forma abrupta a mediados de marzo co estalido da pandemia da Covid-19. Desde as oficinas de Pasarón traballan desde entón na confección do plantel da próxima tempada e nas redes, a afección sacódese as ganas de fútbol con recordos.
O 27 de xuño sempre será #ODiaGranate, o noso día.
— Pontevedra CF (@PontevedraCF) June 27, 2020
Cal é o teu mellor recordo nun 27 de xuño? pic.twitter.com/IMA5By5x12
Despois de crear un repositorio de vídeos, fotografías e recortes de prensa cos momentos históricos do club, este 27 de xuño foron diversos os perfís de redes sociais que lembraron este data. E algún mesmo se atreveu a vaticinar o futuro. "O próximo 27 de xuño do 2021 coincide en domingo", auguraba Carlos, que ve á cidade celebrando outro ascenso o próximo ano.
Non só os afeccionados máis acérrimos amenceron o pasado sábado cunha mestura de emoción e nostalxia. Tamén exxogadores como Fede Bahón, Moncho ou Fran Fandiño compartiron nas súas redes sociais recordos daqueles inesquecibles e festivos 27 de xuño.
Con todo, o silencio que impera na planificación deportiva do club para o próximo curso esténdese tamén ao departamento de comunicación. Desde as contas oficiais de redes sociais do Pontevedra CF, que levan sen realizar ningún tipo de publicación desde o 27 de maio, tampouco compartiron ningún recordo dos últimos ascensos.
Relacionadas:
-
O Pontevedra, sen présa e á espera da Segunda División
Por Diego Espiño |
-
Pablo Vázquez, o último 'One Club Man' do Pontevedra CF
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Na familia Fandiño Reissmann os ascensos celébranse de tres en tres
Por Diego Espiño |
-
Entrar na Segunda B PRO, toda unha necesidade para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A afección do Pontevedra 'revive' o ascenso a Segunda de 2004
Por Diego Espiño |
-
E o gañador é... Pontevedra-Lorca do ano 2004, o ascenso a Segunda División
Por Redacción |