Test de rendemento no Froiz como paso previo á volta á competición
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz desconta os días para volver competir, algo que fará a partir do 14 de xullo na Vuelta a Zamora, proba que dará inicio ao renovado calendario elite e sub-23 en España tras a suspensión do mesmo polo coronavirus.
Coa desescalada o conxunto ciclista pontevedrés intensificou os seus adestramentos para chegar na mellor forma posible a ese momento, o que se completa con accións como a posta en marcha esta semana de test de rendemento para coñecer o estado dos seus corredores.
O test en laboratorio, realizado en Opteamiza Training, consiste nun protocolo que incrementa paulatinamente os vatios mantendo sempre unha cadencia estable de 90 revolucións por minuto. No momento no que a cadencia decae e non se pode manter dáse por concluído o test e aí determínase o FTP (límite de potencia funcional), valor importante para determinar as zonas de adestramento no ciclismo.
Esta semana sometéronse ao test as novas promesas do equipo, como o pontevedrés Guillermo García Janeiro, mentres que a próxima semana a escuadra alimenticia ten previsto organizar un adestramento grupal cos seus ciclistas galegos co obxectivo de ver en directo o estado de forma de cada un.
En canto ao regreso á competición, as carreiras segundo estableceu o protocolo da Federación Española baixo supervisión do Consello Superior de Deportes celebraranse baixo un estrito protocolo, que entre outras cousas non permitirá o contacto entre auxiliares de diferentes equipos e esixirá o uso constante de xeles hidroalcólicos, máscaras, luvas e toallas diferentes para cada ciclista.