Máis de 400 padexeiros participarán este xoves en Verducido no Trofeo Príncipe de Asturias de piragüismo
Por Redacción
O Trofeo Príncipe de Asturias de Piragüismo volverá ser unha das citas obrigadas desta modalidade deportiva a nivel nacional. Máis de 25 clubs, entre eles algúns de Portugal, case cen embarcacións e 400 deportistas competirán durante toda a mañá desde xoves 15 de agosto en Verducido. Unha xornada que ten prevista finalizar á unha e media da tarde coa entrega de trofeos.
As regatas serán das categorías júnior, cadete e sénior, nas modalidades de K-4 e C-4, con algunhas excepcións. O percorrido será para todos de dous mil metros, polo que a esixencia será máxima.
O Trofeo Príncipe de Asturias contará coa presenza dos mellores clubs galegos, como é norma tradicional. O Betanzos, As Torres de Catoira e Kayak Tudense perfílanse como os grandes favoritos para lograr o triunfo final.
Será un bo momento para ver en acción aos mellores deportistas do piragüismo galego, que levan unha magnífica traxectoria na actual tempada en canto a resultados e tamén a nivel de actividade. Varios destes padexeiros participaron con gran éxito en regatas de carácter nacional.
Coa celebración do Trofeo Príncipe de Asturias de Piragüismo, o encoro de Verducido volverá converterse nun punto de referencia a nivel nacional. Nesas mesmas instalacións disputáronse os dous campionatos galegos, tanto de inverno como de verán, así como outros tantos nacionais.