Así será a nova normalidade no deporte: eventos con público e aforo máximo do 75%
Por Redacción
A entrada na nova normalidade a partir do próximo luns día 15, trae consigo algunhas variantes dentro do deporte en comparación coas medidas que se tomaron na fase 3. Así o confirmaron desde o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado este sábado.
Por unha banda, en canto á actividade e instalacións deportivas (punto 3.20), e á práctica da actividade federada de competencia autonómica (punto 3.21), o DOG publicou que a práctica deportiva non federada e ao aire libre, poderá realizarse sen contacto físico e ata un máximo de vinte e cinco persoas de forma simultánea.
Isto mesmo ocorre nas instalacións e centro deportivos, onde a única variación é que se amplía o aforo máximo permitido a dous terzos, sendo obrigatorio establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.
Así mesmo, cada instalación deportiva deberá publicar un protocolo para coñecemento xeral dos seus usuarios e estará suxeita aos criterios establecidos ata o momento:
- Non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.
- As bolsas, mochilas ou efectos persoais só se poderán deixar nos espazos habilitados para ese fin.
- Os deportistas non poderán compartir alimentos, bebidas ou similares.
- Antes de entrar e ao saír do espazo asignado, deberán limparse as mans cos hidrogeles que deberán estar dispoñibles nos espazos habilitados para o efecto.
- Os técnicos, monitores ou adestradores deberán manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións ou, na súa falta, utilizar máscara.
- Utilizarase a máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns nas instalacións, salvo que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal.
Pola súa banda, a celebración de eventos deportivos (punto 3.22) e a asistencia de público en instalacións deportivas (punto 3.23), deberán axustarse ás normas establecidas polas autoridades competentes e, en caso de celebrarse, contarán cun protocolo específico no ámbito do COVID-19. Así mesmo, en caso de desenvolverse con público, este terá que permanecer sentado e non se poderá superar o 75% do aforo permitido, cun límite máximo de trescentas persoas para lugares pechados e de mil persoas tratándose de actividades ao aire libre.
Por último, nas piscinas (punto 3.24), tanto ao aire libre como cubertas, para uso deportivo ou recreativo, deberán respectar o límite do 75% da súa capacidade de aforo, tanto no relativo ao acceso como durante a propia práctica deportiva ou recreativa. Quedan exentas destas limitacións as piscinas unifamiliares de uso privado.
Neste caso, seguirá sendo necesario manter as debidas medidas de seguridade e protección, especialmente na distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios, mantendo un perímetro de distancia onde deberán colocarse os obxectos persoais evitando o contacto co resto de persoas. Así mesmo, habilitaranse sistemas de acceso que eviten a acumulación de persoas e que cumpran as medidas de seguridade e protección sanitaria.
Relacionadas:
-
A Federación Galega de Fútbol rexeita o uso da máscara e avanza que "buscará alternativas"
Por Almu Dapena |
-
A Xunta establece o uso de máscara no deporte autonómico salvo que as federacións "inclúan medidas alternativas de protección"
Por Diego Espiño |
-
Terceira xornada consecutiva con 8 casos activos e sen novos contaxiados de Covid-19 na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Apertura de parques infantís e aforos ao 75%, así será a entrada na 'nova normalidade' a partir do luns
Por Redacción |
-
Galicia sairá do estado de alarma o luns ao aceptar o Goberno a petición da Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Luz verde ao decreto que regula a 'nova normalidade' e recolle multas de 100 euros por non usar máscara
Por Natalia Puga |