Redondela non poderá acoller o Choco-Pontevedra da primeira xornada de liga
Por Diego Espiño
As obras de remodelación do campo de Santa Mariña impedirán que o Choco poida xogar no seu estadio o primeiro partido de liga no seu regreso, 32 anos despois, á Terceira División ante o Pontevedra Club de Fútbol.
O club redondelano, confiando nos prazos que estimaban a conclusión da primeira fase das obras na primeira semana de setembro, solicitara á Federación Galega empezar a competición como visitante, unha petición que non foi aceptada e que foi recorrida pola directiva rojilla.
A primeira intención da entidade presidida por Iván Crespo era cambiar co Pontevedra a orde dos seus partidos, xogando así a primeira xornada en Pasarón, pero a normativa da Federación Española de Fútbol, pola cal se rexe a Terceira División ao ser unha competición nacional, impide alterar o calendario oficial, polo que esta posibilidade quedou descartada.
Iván Crespo: "Hemos hablado con la concejalía de Deportes de Soutomaior. Aún no se ha acordado nada pero sería el destino más probable"
Segundo recoñece o propio presidente redondelano, a opción máis factible agora pasa por xogar noutro campo, sendo moi probable que iso se produza en Soutomaior, instalacións nas que o Choco realizou a maior parte dos seus adestramentos de pretempada: "ya hemos hablado con la concejalía de Deportes de Soutomaior. Aún no se ha acordado nada pero sería el destino más probable".
No club de Santa Mariña laméntanse por non poder xogar un partido como este na casa polo que supón a nivel deportivo, social e tamén económico, esperando unha nutrida presenza de afeccionados: "el tema del aforo nos preocupa, es un día señalado, nos separan 20 kilómetros, regresamos a Tercera después de 32 años y encima es el Pontevedra. Intentaremos facilitarles todo al máximo y animamos a los aficionados a que vengan igualmente porque es un partido que tiene todos los alicientes".
O campo municipal do Candán, en Soutomaior, conta cunha bancada para preto de 400 persoas, ademais do perímetro que rodea o terreo de xogo onde poden situarse afeccionados.
A pesar de que o Choco confiaba en disputar os seus primeiros partidos como local, as obras en Santa Mariña non concluirán ata final de ano, pois está prevista a construción dunha nova bancada con todos os servizos para os dous campos que se están a habilitar no recinto.
DOBRE COMPROMISO PARA O PONTEVEDRA ESTA FIN DE SEMANA
O Pontevedra afronta un dobre compromiso para a fin de semana ultimando a súa posta a punto de cara ao inicio de liga.
O equipo de Nando visita este sábado ao Ribadumia na Senra (19:00 horas) e o domingo participa no Triangular Vila de Marín no municipal de San Pedro. Os granates xogarán ás 19:00 horas ante o Marín e ás 21:00 horas ante o Club Deportivo Choco.