Choco-Pontevedra e Arosa-Alondras, primeira xornada na Terceira División; o derbi, na Lomba, o 22 de setembro
Por Redacción
A 1 de agosto, pouco máis de 20 días antes de que inicie a liga, por fin coñecemos o calendario de competición da Terceira División. Os tradicionais axustes que se producen cada tempada, debido aos descensos administrativos, atrasaron ata este xoves o sorteo do calendario. Unha vez comprobado que o grupo galego non sufrirá cambios con respecto á composición coñecida, a Federación Galega de Fútbol fixo públicos os emparellamentos.
A competición comezará o 25 de agosto. O Pontevedra viaxará nesta primeira xornada ata Redondela para enfrontarse ao Choco, un dos sete equipos ascendidos de Rexional Preferente. Esa será a tónica do inicio de tempada para os granates. Nas súas sete primeiras xornadas verase as caras con seis equipos que lograron o ascenso a pasada tempada, algo que debería aproveitar un equipo deseñado para ascender a Segunda B.
Salvo o Rácing Villalbés, que será o primeiro equipo en visitar Pasarón (1 de setembro), ata a sétima xornada o Pontevedra enfrontarase con novas incorporaciones á categoría. Por orde: Grixoa (fóra), Areas (casa), Arosa (fóra), Bertamiráns (casa) e Laracha (fóra). De todos eles, un morbo especial terá o derbi co cadro arlequinado. Será na Lomba o 22 de setembro, quinta xornada do campionato.
A priori, o principal rival do Pontevedra CF polo ascenso será o Deportivo B, con quen xogará o 3 de novembro (xornada 12) e o 23 de marzo (xornada 31). O último partido de liga do equipo granate será o 11 de maio de 2014 contra o Dorneda en Oleiros. Non será unha recta final fácil para os pontevedreses que antes viaxarán a Boiro, ao que moitos apuntan como unha das sorpresas da categoría, e recibirán ao Somozas en Pasarón.
O AROSA DEBUTARA EN CASA CONTRA O ALONDRAS
Tras catro anos en Rexional Preferente, esta será a tempada na que o Arosa regresa á Terceira División. E que mellor para celebralo que debutar en casa. A Lomba vestirase de gala o próximo 25 de agosto para o partido que os arousanos xogarán contra o Alondras, un dos equipos chamados a estar na parte alta da clasificación nesta tempada 2013-2014.
A primeira saída do cadro arlequinado será, unha semana despois, para visitar ao Rápido de Bouzas. Posteriormente chegarán, neste inicio da tempada, Deportivo B (casa) e Barbadás (fóra). Será xusto antes de recibir na Lomba ao Pontevedra. Non será polo tanto un inicio cómodo para o Arosa, cuxo obxectivo principal será manter a categoría. O seu último partido, o 11 de maio, será en casa contra o Betanzos.