A Ría de Pontevedra acolle o Campionato Galego de Cruceiros
Por Redacción
O Real Club Náutico de Sanxenxo xa ten todo preparado para que o venres, día 9, a ría de Pontevedra escoite o bucinazo de saída do 14º Trofeo Hotel Carlos I Silgar que ademais é Campionato Galego Absoluto de Cruceiros.
Ata o domingo día 11, último día de competición, o Comité de Regatas intentará dar a saída a un total de catro probas: dous percorridos Barlovento-Sotavento nas inmediacións do Real Club Náutico de Sanxenxo e outros tantos recorrido costeiros, entre os que destaca a posibilidade de disputar a emblemática Ruta das Illas, na que a frota navega ata Ons e Onza para dende aí regresar ao Club despois de máis de catro horas de navegación.
En liña de saída do 14º Trofeo Hotel Carlos I Silgar, a frota loitará tamén polo título de campión galego absoluto de cruceiros. O barco "Codaste" será o rival a bater xa que hai un ano, tamén en augas de Sanxenxo, o vigués Nacho Campos se levaba o título.
Pero este ano o barco do Monte Real Club de Yates de Bayona non o terá nada doado no campo de regatas e é que no listado de inscritos soan con forza barcos do talle do "Cenor & Electrolux" de Martín Bermúdez ou o "Alicia" de Luis de la Peña que nesta nova edición podería lograr o seu terceiro título na xa tradicional regata pontevedresa.
Tamén estarán en liña de saída o "E.T.E.A. " da Escola Naval Militar de Marín, con Fernando Cominges á cana, o "Noro" de José Manuel Gil ou o "Sebrala II" de Alfredo Froiz.
A frota galega de cruceiros envorcouse co Trofeo Hotel Carlos I Silgar e son moitas as tripulacións que se desprazaron ata o R.C.N.S. para competir no autonómico da clase. Os clubs da ría de Vigo estarán representados en Sanxenxo grazas a embarcacións do Real Club Náutico de Vigo ou o Monte Real Club de Yates de Bayona, entre outros.
Por suposto, non faltarán á cita os barcos do Real Club de Mar de Aguete e do anfitrión do trofeo, o Real Club Náutico de Sanxenxo, así como os representantes vilagarcianos vidos do Real Club de Regatas de Galicia e do Porto de Vilagarcía.
A frota coruñesa será unha das máis numerosas na ría de Pontevedra e xa confirmaron a súa presenza barcos do Club Náutico de Barraña, o Club Náutico de Boiro e o Club Náutico do Caramiñal, ademais de Náutico de Sada ou os barcos de Rianxo.
O bucinazo de saída do 14º Trofeo Hotel Carlos I Silgar soará ás 16:30 horas do venres, e non será ata o domingo, día 11, cando se coñeza o novo vencedor do 14º Trofeo Hotel Carlos I Silgar e ao campión galego absoluto de cruceiros 2013.